Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Fidel Ángel Castro Díaz-Balart 1 de setembro de 1949 A Habana (República de Cuba) |
Morte | 1 de febreiro de 2018 (68 anos) A Habana, Cuba |
Causa da morte | suicidio |
Educación | Universidade Estatal de Moscova Voronezh State University (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Física nuclear |
Ocupación | físico, político, científico nuclear |
Partido político | Partido Comunista de Cuba |
Familia | |
Fillos | Mirta María Castro Smirnova |
Pais | Fidel Castro e Mirta Díaz-Balart |
Irmáns | Alina Fernández Mirta Núñez Jorge Ángel Castro Fransiska Pupo Antonio Castro- Soto del Vale Alex Castro -Soto Alexis Castro-Soto Alejandro Castro-Soto Ángel Castro-Soto |
Premios | |
Fidel Ángel Castro Díaz-Balart, nado na Habana o 1 de setembro de 1949 e finado na mesma cidade o 1 de febreiro de 2018, foi un físico nuclear cubano. Coñecido tamén co diminutivo Fidelito,[1] era o fillo máis vello do presidente cubano Fidel Castro e da súa primeira esposa, Mirta Díaz-Balart.[2][3][4]
Nado en 1949, seus pais, Fidel Castro e Mirta Díaz-Balart, divorciáronse en 1955, uns anos antes da Revolución cubana na que Fidel Castro chegou ao poder. A súa nai mudouse a Miami, coa familia Diaz-Balart, levando ao seu fillo con ela. Regresou de neno a Cuba para visitar o seu pai e xa quedou alí o resto da súa infancia.[5] En 1959, con 9 anos, apareceu na televisión estadounidense durante unha entrevista a seu pai.[6]
Posteriormente trasladouse a Moscova (capital daquela da Unión Soviética), onde se matriculou na Universidade Estatal de Voronezh en 1968.[7] Por seguridade, estudou co nome de "José Raúl Fernández",[8] nome que elixiu segundo el, en homenaxe ao campión mundial de xadrez José Raúl Capablanca. Posteriormente usou ese nome para publicar uns 30 traballos científicos.[9] Nun principio estudou educación física antes de pasar á física nuclear en 1970.[7] Graduouse na Universidade Estatal Lomonosov de Moscova e continuou traballando no Instituto Central de Investigacións Nucleares de Dubna, doutorándose por primeira vez en 1978.[10][7] De regreso a Cuba, dirixiu durante un tempo o programa de enerxía nuclear de Cuba, liderando o programa de construción da central nuclear Juragua desde 1980 ata 1992, tempo no que foi tamén secretario executivo da Comisión de Enerxía Atómica do país.[11] Foi destituído dos seus cargos en xuño de 1992, pouco antes de suspenderse a construción de Juragua.[12]
Regresou entón a estudar a Moscova e en 1999 obtivo un segundo doutoramento no Instituto Kurchatov de Enerxía Atómica.[7] Na década de 2010 recuperou protagonismo en Cuba, exercendo como asesor científico do Consello de Estado, e como vicepresidente da Academia de Ciencias de Cuba.[13][14] Ao longo da súa carreira, publicou numerosos artigos sobre o papel da enerxía nuclear no desenvolvemento.[15]
En abril de 2014 visitou Rusia para declarar o recoñecemento de Cuba á anexión de Crimea por parte da Federación Rusa, recibindo tamén un doutoramento honoris causa na Universidade Estatal de Voronezh.[7]
Suicidouse na Habana o 1 de febreiro de 2018, aos 68 anos.[11] Anteriormente estivera a tratamento por depresión.[16][17][18] No momento do seu suicidio, ocupaba os seus cargos na Academia de Ciencias de Cuba e no Consello de Estado.[14]
Tivo tres fillos -Mirta María, Fidel Antonio e José Raúl- con Natasha Smirnova, a quen coñeceu en Rusia. Despois de divorciarse de Smirnova, casou coa cubana María Victoria Barreiro.[19]