O Canadá presentou filmes para o Óscar ó mellor filme internacional[nb 1] dende o ano 1971. O premio é concedido anualmente pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas dos Estados Unidos de América a unha longametraxe producida fóra dos Estados Unidos e cuxo diálogo estea principalmente nunha lingua diferente do inglés.[3] O galardón foi creado para a 28ª edición dos premios, sucedendo os premios honoríficos non competitivos que se presentaron entre 1947 e 1955 en recoñecemento dos mellores filmes en lingua estranxeira estreados nos Estados Unidos.[4]
Até o ano 2023, sete filmes canadenses foron nomeados ó Óscar ó mellor filme internacional, e un deles foi o gañador do premio. Destes filmes, tres foron dirixidos por Denys Arcand: Jésus de Montréal, nomeado na 62ª edición dos premios; Le Déclin de l'empire américain, nomeado na 59ª edición; e a súa secuela Les Invasions barbares, que foi o gañador da 76ª edición.[5] Days of Darkness de Arcand entrou na lista mais finalmente non foi nomeado. Os outros catro directores canadenses cuxos filmes foron nomeados son Deepa Mehta por Water na 79ª edición,[6] Denis Villeneuve por Incendies na 83ª edición,[7] Philippe Falardeau por Profesor Lazhar na 84ª edición,[8] e Kim Nguyen por Rebelle na 85ª edición dos premios.[9]
A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas convidou as industrias cinematográficas de varios países a presentar os seus mellores filmes para o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa dende o ano 1956.[10] O Comité desta categoría supervisa todo o proceso e revisa tódolos filmes enviados. Despois disto, realízase unha votación secreta para determinar os cinco nomeados ó premio.[3] A continuación amósase unha lista dos filmes que presentou o Canadá para a súa valoración pola Academia co respectivo ano e cerimonia de entrega. Agás dúas excepcións (Atanarjuat de 2001 en inuktitut e Water de 2005 en hindi), tódalas propostas foron filmes quebequeses. Tódolos filmes quebequeses están en lingua francesa, agás Une balle dans la tête que está falada completamente nunha lingua inventada.[11] Outras das propostas teñen partes substanciais do seu diálogo noutras linguas como o inuktitut (Ce qu'il faut pour vivre), lingala (Rebelle), yiddish (Félix et Meira),[12] e mohawk e algonquino (Hochelaga, Terre des âmes).[13]