O forzamento radiativo é a diferenza entre a radiación solar absorbida pola Terra e a enerxía irradiada de retorno.[1] É unha perturbación do equilibrio da enerxía incidente e emerxente no planeta Terra.[2] Mídese en vatios /m²/período. Pode ser positivo, facendo que a troposfera e a superficie terrestre se quenten, ou negativo, facendo que a troposfera e a superficie da Terra se arrefríen. É, por tanto, a base científica do efecto invernadoiro verificado nos planetas, e ten un papel importante nos modelos informáticos do balance enerxético da Terra, e nos modelos climáticos.