As fosfolipases son unha clase de encimas que hidrolizan os enlaces éster presentes nos fosfolípidos. Os produtos resultantes da reacción poden ser ácidos graxos que estaban unidos ao glicerol do fosfolípido, ou outros compoñentes do fosfolípido, dependendo do punto da molécula onde rompan o enlace.
Dependendo do enlace éster que escinden clasifícanse como A1, A2, B, C ou D. As fosfolipases C e D son consideradas fosfodiesterases.
As fosfolipases A1 (PLA1) hidrolizan o enlace éster entre o primeiro acilo e o glicerol.[1]
As fosfolipases A2 (PLA2) hidrolizan o enlace éster entre o segundo acilo e o glicerol.[1] Libera o ácido graxo ácido araquidónico e lisofosfolípido.
As fosfolipases B (PLB) hidrolizan o enlace éster do primeiro acilo e o do segundo co glicerol.
As fosfolipases C (PLC) hidrolizan o enlace éster entre o glicerol e o grupo fosfato.[1] Como cortan o enlace antes do fosfato liberan diacilglicerol e o conxunto fosfato-cabeza polar. Son importantes na transdución de sinais na célula, xa que liberan o segundo mensaxeiro inositol trifosfato.
As fosfolipases D (PLD) hidrolizan o enlace éster entre o fosfato e o grupo variable.[1] Cortan o enlace despois do fosfato, polo que liberan ácido fosfatídico e un alcohol da cabeza polar do fosfolípido.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fosfolipase |