Un fragmento scFv ou fragmento variable de cadea sinxela (scFv, do inglés sigle-chain variable fragment), malia o seu nome, non é un fragmento de anticorpo, senón unha proteína de fusión das rexións variables das cadeas pesada (VH) e lixeiras (VL) das inmunoglobulinas, conectadas cun curto péptido enlazador (linker) duns dez a 25 aminoácidos.[1] Este enlazador é xeralmente rico en glicina para darlle flexibilidade, e tamén en serina ou treonina para darlle solubilidade, e pode conectar o N-terminal da VH co C-terminal da VL, ou viceversa.[2]
Esta proteína mantén a especificidade da inmunoglobulina orixinal, a pesar da eliminación das rexións constantes e a introdución do enlazador.[3] A imaxe da dereita mostra como esta modificación xeralmente non altera a especificidade.
Os scFv carecen da rexión Fc constante que se encontra nas moléculas de anticorpo completas, e, así, os sitios de unión comúns (por exemplo, a proteína G) non se poden utilizar para purificar anticorpos. Estes fragmentos poden a miúdo ser purificados ou inmobilizados usando a proteína L, dado que a proteína L interacciona coa rexión variable das cadeas lixeiras kappa. Máis comunmente, o que se fai é incorporar unha etiqueta de seis histidinas no C-terminal da molécula de scFv e purificalos usando cromatografía de afinidade de metal inmobilizado (IMAC). Por razóns descoñecidas, algúns scFv poden tamén ser captados pola proteína A.
Os fragmentos variables de cadea sinxela divalentes (ou bivalentes) (di-scFv ou bi-scFv) poden ser preparados por enxeñaría enlazándolles dous scFvs. Isto pode facerse producindo unha cadea peptídica sinxela con dúas rexións VH e dúas VL, orixinando un scFv en tándem.[4][5] Outra posibilidade é a creación de scFv con péptidos enlazadores que son demasiado curtos para que as dúas rexións variables se preguen xuntas (duns cinco aminoácidos), forzando os scFvs a dimerizarse. Este tipo de scFv coñécense como diacorpos (diabodies).[6] Os diacorpos teñen unha constante de disociación de ata 40 veces menor que os corespondentes scFv, o que significa que teñen moita maior afinidade pola súa diana. En consecuencia, os fármacos diacorpos poderían administrarse a dosificacións moito menores que as doutros anticorpos terapéuticos e teñen a capacidade de unirse moi especificamente a tumores in vivo.[7] O uso de enlazadores ou linkers aínda menores (de só un ou dous aminoácidos) leva á formación de trímeros, tamén chamados triacorpos ou tricorpos (triabodies ou tribodies). Tamén se produciron tetracorpos (tetrabodies). Mostran incluso unha maior afinidade ás súas dianas que os diacorpos.[8]
Todos estes formatos poden estar compostos de fragmentos variables con especificidade por dous antíxenos diferentes, e nese caso son tipos de anticorpos biespecíficos.[9][10] O máis desenvolvidos destes son os di-scFvs biespecíficos en tándem, coñecidos como enfrontadores biespecíficos de célula T (construtos de anticorpos BiTE).
↑Huston, J. S.; Levinson, D.; Mudgett-Hunter, M.; Tai, M. S.; Novotný, J.; Margolies, M. N.; Crea, R. (1988). "Protein engineering of antibody binding sites: recovery of specific activity in an anti-digoxin single-chain Fv analogue produced in Escherichia coli". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America85 (16): 5879–5883. doi:10.1073/pnas.85.16.5879.
↑Le Gall, F.; Kipriyanov, SM; Moldenhauer, G; Little, M (1999). "Di-, tri- and tetrameric single chain Fv antibody fragments against human CD19: effect of valency on cell binding". FEBS Letters453 (1): 164–168. PMID10403395. doi:10.1016/S0014-5793(99)00713-9.
↑Dincq, S; Bosman, F; Buyse, MA; Degrieck, R; Celis, L; De Boer, M; Van Doorsselaere, V; Sablon, E (2001). "Expression and purification of monospecific and bispecific recombinant antibody fragments derived from antibodies that block the CD80/CD86-CD28 costimulatory pathway". Protein expression and purification22 (1): 11–24. PMID11388794. doi:10.1006/prep.2001.1417.