Fronte Obreira de Cataluña (en catalán, Front Obrer de Catalunya) | |
---|---|
Historia | |
Fundación | 1961 |
Disolución | 1971 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Socialismo Federalismo |
Outros datos | |
Sede | Barcelona |
Publicación | Revolució (1961-62) Presencia Obrera (1964-5) Poder Obrero (1969) |
A Fronte Obreira de Cataluña (en catalán, Front Obrer de Catalunya), foi un movemento socialista da época franquista que formou parte da resistencia á ditadura franquista en Cataluña.
Foi fundada en 1961, como un grupo escindido da Asociación Popular Democrática de Catalunya (ADPC),[1] que era a póla catalá do FLP,[2] daqueles militantes que pretendían converterse en partido.[3] Estaba diferenciado do comunismo catalán, o PSUC, como da organización que representaba, nese momento, o socialismo democrático, o Movemento Socialista de Cataluña polo que pretendía ser "a terceira forza" que respondese ás novas propostas que axitaban á esquerda europea xurdidas tanto dos procesos internos de reflexión sobre o socialismo (representado por exemplo por André Gorz ou Lelio Basso) como do impacto das revolucións que foron os seus referentes políticos: a revolución cubana de 1959, e a resistencia alxeriana de Ahmed Ben Bella.[4]
Aínda que os seus membros eran de orixes diferentes, dende socialistas até católicos progresistas e comunistas disidentes da liña oficial,[5] adoptou un socialismo de esquerdas antiimperialista. Definíronse como socialistas, populistas e federalistas. A militancia era moi nova e tendía a romper os patróns existentes. Non tiñan estatutos formais e, polo tanto, nunca se conformaron como partido. Entre os seus dirixentes figuraban Isidre Molas i Batllori, José Ignacio Urenda i Bariego, Pasqual Maragall i Mira, Alfons Carles Comín, Daniel Cando Cando, Josep Antoni González i Casanova, Josep Maria Vegara i Carrió e Miquel Roca i Junyent, entre outros.[5]
Disolveuse en 1970 e os seus militantes estendéronse ás distintas organizacións de esquerdas da clandestinidade antifranquista (PSUC, COC, Movemento Comunista de Cataluña e Liga Comunista Revolucionaria), aínda que moitos acabaron participando na fundación de Convergència Socialista de Catalunya e, logo, do PSC.[6]
Os seus órganos de expresión foron, sucesivamente, Revolució (1961-62), Presencia Obrera (1964-5) e Poder Obrero (1969).[5]
Mantivo vínculos federais co Frente de Liberación Popular (FLP) e coa Euskadi Sozialisten Batasuna (ESB). Competiu co PSUC polo control do nacente movemento de Comisións Obreiras e o movemento universitario,[4] e logrou dominar a súa coordinación local ata 1968 os comités de empresa de La Maquinista Terrestre e Marítima, AEG, Harry Walker e outras empresas do sector metalúrxico de Barcelona.