Furacán Ophelia de 2017

Ophelia, o 14 de outubro, preto dos Azores, no seu momento de máxima intensidade.
traxectoria de Ophelia
Traxectoria de Ophelia, con indicación de intensidades na escala Saffir-Simpson.

Ophelia é un furacán que en outubro de 2017 percorreu o océano Atlántico, chegando ata Irlanda e Gran Bretaña como tormenta (chamada alí a 'tormenta Ophelia'). En 2005 e 2011 houbo outros furacáns co mesmo nome.

Foi o furacán de grande intensidade localizado máis ó leste do océano Atlántico do que se ten rexistro. O domingo 15 de outubro pasou a uns 500 km de Galicia, continuando camiño cara ó Atlántico Norte para achegarse ás costas de Irlanda xa como tormenta.[1]

Formado o 9 de outubro e disipado o 18, foi considerado extratropical pola súa situación o 16. Acadou ventos de velocidade 51 m·s-1 (185 km/h), cunha presión mínima de 960 mbar. É parte da tempada 2017 de furacáns no Atlántico.

Danos causados

[editar | editar a fonte]

España e Portugal

[editar | editar a fonte]

Nos arredores do 15 de outubro de 2017, os fortes ventos de Ophelia axudaron a facer medrar e estender unha vaga de incendios forestais no noroeste da Península Ibérica, dende Lisboa a Cantabria (en particular, norte de Portugal, Galicia e Asturias.

O balance de mortos acada os 38 en Portugal e 4 en Galicia, contando ademais decenas de feridos.[2][3] O número de incendios en Portugal roldou os 150, máis de 80 en Galicia e máis de 30 en Asturias.

A nube provocada rebaixou a luz en moitas poboacións do norte galego a niveis comparables os dunha eclipse solar, producíndose un anoitecer virtual a tarde do día 16. A cinza viaxou impulsada polos fortes ventos ata Inglaterra.

Entre o 16 e o 17, Ophelia, xa como tormenta, atravesou Irlanda, de sur a norte, deixando ao menos tres mortos.[4]

  1. "Hurricane Ophelia’s temperature". Space in Images. Arquivado dende o orixinal o 20/09/2018. Consultado o 17/10/2017. 
  2. Martín del Barrio, Javier (17 de outubro de 2017). "“Eran proyectiles de fuego que caían por todos los lados”". El País. 
  3. "Una oleada de incendios quema Galicia y deja cuatro muertos". La Vanguardia. 16 de outubro de 2017. 
  4. "Al menos tres muertos en Irlanda por el paso de la tormenta Ophelia". El País. 16 de outubro de 2017. 

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.