Fóvea | |
---|---|
Esquema dunha sección horizontal do ollo humano dereito, coa fóvea ao fondo. | |
Latín | fovea centralis |
A fóvea da retina (do latín fovea, pozo) ou fóvea central é unha parte da retina do ollo humano coa máxima agudeza visual, onde o ollo enfoca os obxectos nos que queremos fixarnos en detalle. É unha pequena depresión que se atopa preto do centro da retina, localizada no centro da mácula lútea, composta por conos densamente empaquetados.[1][2] A luz non ten obstáculos para incidir nas células fotorreceptoras da fóvea, xa que se retiraron as capas que hai normalmente enriba noutras zonas da retina e case non ten vasos sanguíneos.
A fóvea é a responsable da visión central aguda (tamén chamada visión foveal), que é necesaria para as actividades humanas onde a captación visual dos detalles é importante, como ler ou guiar un coche. Aproximadamente a metade das fibras nerviosas do nervio óptico levan información procedente da fóvea, mentres que a outra metade leva información do resto da retina.[3]
A fóvea é unha depresión situada na superficie interna da retina, duns 1,5 mm de largo, que ten unha capa de fotorreceptores formada só por conos e especializada en ter unha máxima agudeza visual. A fóvea corresponde aproximadamente á zona avascular da retina (que carece de vasos sanguíneos). Isto permite que a luz poida percibirse sen ningunha dispersión ou perda. Esta anatomía é responsable da depresión que ten a fóvea. O pozo foveal está rodeado polo bordo foveal que contén as neuronas desprazadas do pozo. Esta é a parte máis grosa da retina.[5]
A fóvea está localizada nunha pequena zona avascular e recibe a maióría do seu oxíxeno dos vasos da coroide, que están alén do epitelio pigmentario retinal e da membrana de Bruch. A alta densidade espacial de conos xunto coa ausencia de vasos sanguíneos na fóvea explica a alta agudeza visual da fóvea.[6]
O centro da fóvea é a foveola, duns 0,2 mm de diámetro.[1] A fóvea consta só de conos moi compactos, máis delgados e con aspecto máis parecido a bastóns que os conos que presentes noutras partes. Estes conos están moi densamente empaquetados nun patrón hexagonal. Porén, empezando polas partes periféricas da fóvea, os bastóns van aparecendo gradualmente, e a densidade absoluta de conos vai diminuíndo.
A fóvea forma parte da mácula lútea e está rodeada polo cinto da parafovea, e a rexión máis externa da perifovea.[2] A parafovea esténdese ata un raio de 1,25 mm desde a fóvea central, e a perifovea encóntrase a uns 2,75 mm de raio desde a fóvea central.[3] Na parafóvea a capa de células ganglionares da retina está composta por máis de cinco ringleiras de células, e coa maior densidade de conos. Na perifóvea a capa de células ganglionares contén de dúas a catro ringleiras de células, e nela a agudeza visual non é óptima. A perifovea contén unha menor densidade de conos, uns 12 por 100 micrómetros fronte a 50 por 100 micrómetros aos que se chegan na fóvea central. Esta, á súa vez, está rodeada por unha área periférica maior que envía información moi comprimida de baixa resolución seguindo o patrón de compresión da imaxe foveada.
Na fóvea dos primates superiores (humanos incluídos) a proporción de células ganglionares con respecto aos fotorreceptores é de aproximadamente 2,5; case cada célula ganglionar recibe datos dun só cono, e cada cono está conectado a entre unha e tres células ganglionares.[7] Por tanto, a agudeza da visión foveal está limitada só pola densidade do mosaico de conos, e a fóvea é a área do ollo coa maior sensibilidade a pequenos detalles.[8] Os conos da fóvea central teñen pigmentos que son sensibles á luz verde e vermella.
A fóvea utilízase para a visión aguda na dirección en que apunta. Comprende menos do 1% do tamaño da retina, pero ocupa un 50% do córtex visual do cerebro.[9] A fóvea pode ver só os dous graos centrais do campo visual, (aproximadamente dúas veces a lonxitude dun dedo polgar situado á distancia dun brazo estendido).[10] Se un obxecto é grande e cobre un ángulo grande, os ollos deben estar cambiando constantemente a súa mirada para captar diferentes porcións da imaxe na fóvea, como tamén ocorre ao ler.
Como a fóvea non ten bastóns, non é sensible a intensidades de luz baixas.
A fóvea ten unha alta concentración dos pigmentos carotenoides amarelos luteína e zeaxantina. Están concentrados na capa de fibras de Henle (axóns de fotorreceptores que se dirixen radialmente cara a fóra desde a fóvea) e en menor medida nos conos.[12][13] Crese que os pigmentos desempeñan unha función protectora contra os efectos de altas intensidades de luz azul, que danarían os conos. Os pigmentos tamén potencian a gudeza da fóvea ao reducir a sensibilidade da fóvea a lonxitudes de onda curtas e contrarrestando o efecto da aberración cromática.[14] Isto está tamén acompañado dunha baixa densidade de conos azuis no centro da fóvea.[15] A densidade máxima de conos azuis dáse nun anel arredor na fóvea. En consecuencia, a máxima agudeza para a luz azul é menor que para outras cores, e ocorre aproximadamente a 1° do centro.[15]
A presenza de pigmento nos axóns dispostos radialmente da capa de fibras de Henle causa que sexan dicroicos e birrefrinxentes[16] á luz azul. Este efecto é visible por medio do fenómeno do cepillo de Haidinger cando a fóvea está apuntando a unha fonte de luz polarizada.
Os efectos combinados dos pigmentos maculares e a distribución dos conos para lonxitudes de onda curtas dá lugar a que a fóvea teña unha menor sensibilidade á luz azul (escotoma á luz azul). Aínda que isto non é visible en circunstancias normais debido a que o cerebro "completa" a información, con certos patróns de iluminación con luz azul, é visible unha mancha escura no punto de foco.[17] Ademais, se se observa unha mestura de luz vermella e azul (ao ver luz branca a través dun filrtro dicroico), o punto do foco foveal terá unha mancha vermella central rodeada dalgúns bordos vermellos.[17][18] Isto denomínase mancha de Maxwell, por James Clerk Maxwell[19] que a descubriu.
Tamén se atopan fóveas (depresións na retina) nalgúns outros vertebrados, como nalgúns peixes, réptiles e paxaros. Porén, nos mamíferos encóntrase só en homes e na maioría doutros primates simios. As aves rapaces teñen dúas fóveas. A fóvea retinal ten formas lixeiramente diferentes segundo o tipo de animal. por exemplo, en primates, os conos tapizan a base do poxzo foveal, xa que as células que noutras partes da retina forman as capas superficiais foron desprazadas da rexión foveal durante a vida tardía fetal e o inicio da vida postnatal. Outras fóveas poden presentar só unha redución do grosor desas capas superficiais en troques da súa case total ausencia.