Os galactolípidos son un tipo de glicolípidos cuxo azucre é a galactosa. Diferéncianse dos glicosfingolípidos en que non teñen nitróxeno na súa composición.[1]
Son a parte principal dos lípidos de membrana das plantas, nas cales substitúen os fosfolípidos para conservar o fosfato para outros procesos esenciais. A membrana dos cloroplastos contén unha elevada cantidade de monogalactosildiacilglicerol (MGDG) e digalactosildiacilglicerol (DGDG).
Probablemente exercen un papel directo na fotosíntese, xa que se atoparon nas estruturas obtidas por raios X dos complexos fotosintéticos.[2]
Os galactolípidos están máis biodispoñibles que os ácidos graxos e presentan unha actividade antiinflamatoria mediada por COX.[3] O fraccionamento bioguiado de follas de espinaca (Spinacia oleracea) revelou que os galactolípidos de ácido alfa-linolénico (18:3, n-3) eran responsables dos efectos inhibitorios sobre a activación do virus de Epstein-Barr (EBV) inducida por promotor de tumores.[4] Recentemente, demostrouse que este mesmo galactolípido, o 1,2-di-O-α-linolenoil-3-O-α-D-galactopiranosil-sn-glicerol,[5] pode ser importante para a actividade antiinflamatoria da Rosa canina, unha planta medicinal con efectos documentados sobre enfermidades inflamatorias como a artrite.
O galactoesfingolípido galactocerebrósido (GalC) e o seu derivado sulfatado sulfátido está tamén presente en abundancia (xunto cun pequeno grupo de proteínas) na mielina, a membrana arredor dos axóns no sistema nervioso dos vertebrados.[6]
Son os galactolípidos, en vez dos florotaninos, os que actúan como disuasorios dos herbívoros na alga Fucus vesiculosus contra os ourizos de mar Arbacia punctulata.[7]