Giardia | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Trofozoíto de Giardia nunha micrografía electrónica de varrrido | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
especies | |||||||||||||
Giardia agilis |
Giardia é un xénero de protozoos flaxelados anaeróbicos parasitos que colonizan e se reproducen no intestino delgado de varios vertebrados, causando a xiardíase. A especie deste xénero que infecta os humanos é Giardia lamblia (=G. intestinalis=G. duodenalis). O seu ciclo de vida alterna entre un trofozoíto que nada activamente e un quiste resistente infectivo. Giardia xa foi descrito polo microscopista holandés Antoni van Leeuwenhoek en 1681.[1] O nome do xénero procede do apelido do zoólogo francés Alfred Mathieu Giard.[2]
Como outras diplomónadas, Giardia ten dous núcleos, cada un con catro flaxelos asociados, e carece tanto de mitocondrias coma de aparato de Golgi. Porén, posúen un sistema endomembranoso complexo e relictos mitocondriais, chamados mitosomas.[3][4] Os mitosomas non se usan para a síntese de ATP como farían as mitocondrias, senón que están implicados na maduración de proteínas de ferro-xofre.[5] As sinapomorfias do xénero Giardia inclúen células con orgánulos duplicados, ausencia de citostomas, e disco adhesivo ventral.[6]
Giardia vive dentro do intestino de humanos infectados e outros animais. Os individuos poden infectarse inxerindo ou poñéndose en contacto con alimentos contaminados, o solo ou auga. O parasito Giardia atópase en superficies e produtos contaminados por feces dun portador infectado.[7]
Os síntomas, que poden aparecer dous días despois da infección, inclúen diarreas violentas, exceso de gas, cambras abdominais e estomacais, malestar estomacal e náuseas. Como resultado prodúcese deshidratación e perda de nutrientes, o que pode necesitar un tratamento inmediato. A infección típica nun individuo pode ser leve e resolverse sen tratamento, e durar entre 2–6 semanas, aínda que ás veces pode durar máis e ser grave. É posible a coexistencia co parasito (os síntomas atenúanse), polo que o individuo convértese nun portador e pode transmitirllo a outros. A xiardíase fai que as vilosidades do intestino delgado se atrofien e se aplanen, o que ten como resultado unha mala absorción intestinal. Pode persistir unha intolerancia á lactosa despois da erradicación de Giardia do tracto dixestivo.[8]
Describíronse unhas 40 especies deste xénero en diferentes animais, peroi moitas delas son probablemente sinónimas.[9] Actualmente, recoñécense cinco ou seis especies morfoloxicamente distintas.[10] Giardia lamblia (=G. intestinalis, =G. duodenalis) infecta a humanos e outros mamíferos, G. muris encóntrase noutros mamíferos, G. ardeae e G. psittaci en aves, G. agilis en anfibios e G. microti en ratiños arvicolinos.[2] Outras especies descritas (pero non validadas) son as da lista.[11] Para discriminar entre especies de Giardia desenvolvéronse probas moi específicas de PCR e de detección con sondas xenéticas. O máis común e rápido é identificalas por microscopia e técnicas de inmunofluorescencia.[12]
|
|
|
Os estudos xenéticos e bioquímicos mostraron que había unha gran heteroxeneidade en Giardia lamblia, que contén probablemente polo menos oito liñaxes ou especies crípticas.[13]
A primeira diplomónada á que se secuenciou o xenoma foi un illado de Giardia (WB). Tiña un xenoma de 11,7 millóns de pares de bases de estrutura compacta que codificaba un metabolismo e maquinarias celulares básicas. Actualmente, están a secuenciarse os xenomas de varios outros illados de Giardia e de diplomónadas (os patóxenos de peixes Spironucleus vortens e S. salmonicida).[14]
Un segundo illado (a ensamblaxe B) procedente de humanos foi tamén secuenciado xunto con especies procedentes de porcos (a ensamblaxe E).[15] O xenoma contén uns ~5000 xenes. A ensamblaxe E está máis estreitamente relacionada coa ensamblaxe A que coa B. Atopáronse varios rearranxos cromosómicos.
no