Sarti | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Giuliano Sarti | ||
Nacemento | 2 de outubro de 1933 | ||
Lugar de nacemento | Castello d'Argile | ||
Falecemento | 5 de xuño de 2017 | ||
Lugar de falecemento | Roma | ||
Altura | 1,78 m. | ||
Posición | gardameta | ||
Carreira xuvenil | |||
1949–1950 | San Matteo della Decima | ||
1950–1952 | Centese | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1952–1954 | Bondenese | ||
1954–1963 | Fiorentina | 220 | (0) |
1963–1968 | Inter de Milán | 147 | (0) |
1968–1969 | Juventus | 10 | (0) |
1969–1970 | Unione Valdinievole | ||
Selección nacional | |||
1959–1967 | Italia | 8 | (0) |
Adestrador | |||
1970 | Lucchese | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Giuliano Sarti, nado en Castello d'Argile, Boloña, o 2 de outubro de 1933 e finado en Florencia o 5 de xuño de 2017, foi un futbolista italiano, que xogaba como porteiro.
Considerado un dos mellores porteiros da historia do fútbol italiano,[1][2][3] pasou os mellores anos da súa carreira coas camisetas da Fiorentina e do Inter, gañando un total de tres títulos da Serie A, unha Copa Italia, dúas Copas de Europa, dúas Copas Intercontinentais e unha Recopa de Europa.
A IFFHS colocouno no posto 43º nunha lista de mellores porteiros europeos do século XX.[4]
Formouse como porteiro nas canteiras do San Matteo della Decima e do Centese,[5] disputou co Bondenese o campionato de Promoción Rexional, xogando como titular, e en 1954 fichou xunto con Raul Tassinari pola Fiorentina.
Co equipo violeta debutou na Serie A o 24 de abril de 1955 nun partido ante o Napoli. Na tempada 1955/56, coa retirada de Leonardo Costagliola, fíxose coa titularidade na portería toscana. O equipo, adestrado por Fulvio Bernardini, mantívose invicto ata a derradeira xornada, na que perdeu contra o Genoa, e proclamouse por primeira vez campión de liga, con 12 puntos de vantaxe sobre o Milan.
O título supuxo a clasificación para a segunda edición da Copa de Europa, competición na que a Fiorentina acadou a final, perdendo esta contra o Real Madrid. A pesar da derrota, a boa actuación de Sarti na final, valeulle os eloxios de Alfredo Di Stéfano.[6][7] Nas seguintes tempadas conseguiu varios subcampionatos de liga e continuou como titular aínda despois da irrupción de Enrico Albertosi. Coa Fiorentina gañou tamén a Copa Grasshoppers en 1957, unha Copa de Italia e a primeira edición da Recopa de Europa.
No verán de 1963 fichou polo Inter de Milán de Helenio Herrera, que gañara a liga o ano anterior. Na primeira tempada perdeu o desempate polo scudetto contra o Bologna, pero gañou a Copa de Europa, sendo titular na final contra o Real Madrid. Repetiu título ao ano seguinte, derrotando desa vez ao Benfica de Mário Coluna e Eusébio. Gañou ademais liga nas tempadas 1964/65 e 1965/66, e tamén dúas Copas Intercontinentais, en 1964 e 1965.
En 1967 disputou a súa cuarta final da Copa de Europa, dez anos despois da primeira, realizando unha boa actuación contra o Celtic de Glasgow en Lisboa, pero perdendo 2-1. No campionato doméstico o seu equipo liderou a táboa ata a derradeira xornada, cando un erro seu propiciou o 1-0 do Mantova, relegando o equipo milanés ata a segunda praza, por detrás da Juventus de Heriberto Herrera.[1][8][9]
En 1968, xa con trinta e cinco anos, pasou á Juventus, onde xogou unha tempada. Finalmente militou unha última campaña co Unione Valdinievole da Serie D, antes de retirarse en 1970.
Foi 8 veces internacional coa selección italiana, coa que debutou o 29 de novembro de 1959 ante Hungría.
En 1967 formou parte da selección do Resto do Mundo que se enfrontou á selección española para celebrar o 65 aniversario do porteiro catalán Ricardo Zamora. O equipo da FIFA gañou 3-0 e participaron nel outros catro italianos: Tarcisio Burgnich, Gianni Rivera, Sandro Mazzola e Mario Corso. Foi o terceiro porteiro italiano convocado pola FIFA, despois de Aldo Olivieri nos anos 40 e Lorenzo Buffon nos 50.