Glauco foi un personaxe da mitoloxía grega, fillo de Minos (rei de Creta) e de Pasífae.
Cando era meniño e mentres perseguía un rato, caeu nun cántaro de mel e afogou; Hixino afirma que tal aconteceu cando o rapaz estaba a xogar coa pelota [1]. Os adiviños deron con el e Minos puido recuperar o corpo. Os Curetes, que posuían dotes adiviñatorias, ou o mesmo Apolo, dixéronlle que aquel home que mellor soubese describir a cor dunha das vacas dos seus rabaños podería devolverlle vivo o fillo. Esta vaca tiña a particularidade de cambiar de cor tres veces ó día: á mañá era branca, logo vermella e á fin do día, negra. E ó día seguinte repetíase o cambio de cor [2].
Tras consultar inutilmente ós homes máis sabios do reino, só Poliido (ou Polyidos) soubo explicar o cambio de cor: a vaca tiña a cor das amoras, que comezan sendo brancas, vólvense vermellas ó ir madurecendo e terminan sendo completamente negras.
Segundo Pseudo-Apolodoro, foi o propio Poliido que soubo onde estaba o corpo do meniño [3]. Tamén o di Hixino, guiado Poliido polo voo dunha curuxa:
"Poliido... veu unha curuxa pousada sobre unha adega, axotando unhas abellas. Interpretou o augurio e sacou da tinalla o corpo exánime do meniño".(Hixino: Fábulas 136)
Minos, seguindo o consello de Apolo, díxolle que devolvese a vida ó seu fillo Glauco. Como Poliido contestase que non podía facer tal cousa, Minos encerrouno nunha cela co cadáver [4]. Poliido non sabía que facer, pero observou que entraba unha cóbrega e que ía cara Glauco, polo que a matou cunha pedra, por medo de que lle fixera algún mal ó cadáver e logo ter que pagar el as consecuencias. Ó pouco entrou outra cobra que, ó ver a primeira morta, volveu saír e entrou de novo portando unha herbiña na boca. A segunda serpe tocou coa herba o corpo da serpe morta e esta reviveceu inmediatamente. Entón, Poliido colleu axiña a herba e fregou con ela o cadáver de Glauco, que axiña volveu á vida [5].
Admirado dos poderes de Poliido, Minos prohibiulle abandonar Creta ata ensinar a Glauco todo o que sabía [6]. Poliido ensinouno e dispúxose a volver á súa patria Argos, pero no último momento pediu a Glauco que lle cuspise na boca. Glauco fíxoo e deste xeito devolveulle todo o que aprendera del. Ou ben foi el quen cuspiu na boca de Glauco, de modo que este esqueceu todo o aprendido.
"Poliido... colocou a mesma herba sobre o corpo de Glauco e fíxoo revivir. Cando Minos recuperou ó meniño, non permitiu a Poliido marchar a Argos sen que antes lle ensinase a Glauco a arte da adiviñación e Poliido, forzado a facelo, ensinoulla. Pero cando estaba a piques de marchar ordenoulle a Glauco cuspir na súa boca; ó facelo así Glauco esqueceu a arte da adiviñación".(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 3, 1-2)