Gloeobacter | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Especies | |||||||||||||
|
Gloeobacter é un xénero de cianobacterias. É o grupo irmán de todas as outras cianobacterias.[2] Gloeobacter é a única cianobacteria que non ten tilacoides, que son característicos das demais cianobacterias e dos cloroplastos eucariotas. No seu lugar ten uns complexos captadores de luz, tamén chamados ficobilisomas, que conteñen proteínas diferentes, situados na cara interna da membrana plasmática. O gradiente de protóns en Gloeobacter créase na membrana plasmática, en lugar de na membrana tilacoidal como ocorre nas demais cianobacterias e nos cloroplastos.[2]
Secuenciouse o xenoma completo de G. violaceus (cepa PCC 7421) e de G. kilaueensis. Comprobouse que estaban ausentes moitos xenes para os fotosistemas I e II, o que probablemente está relacionado con que a fotosíntese nestas bacterias non ten lugar na membrana tilacoidal como nas outras cianobacterias, senón na membrana plasmática.[3][4]
Gloeobacter violaceus produce varios pigmentos, incluíndo a clorofila a, o β-caroteno, o oscillol diglicósido e a equinenona. A coloración púrpura que teñen débese ao seu contido relativamente baixo de clorofila. G. kilaueensis crece cunhas poucas especies de bacterias máis formando unha biopelícula de cor púrpura duns 0,5 mm de grosor. As colonias cultivadas son pírpuras escuras, lisas, brillantes e elevadas. G. kilaueensis é principalmente unicelular, con forma de cápsula, duns 3,5×1,5 µm, e incrustada en mucus. Divídense ao ancho da célula. Tínguense como gramnegativas e carecen de resistencia á vancomicina. Non son móbiles nin escorregantes. O crecemento cesa en completa escuridade, polo que Gloeobacter é moi probablemente un fotoautótrofo obrigaorio.[4]
Gloeobacter violaceus atopouse en rochas calcarias do cantón suízo de Obwalden. G. kilaueensis encontrouse nunha cova da lava da caldeira do Kilauea en Hawai. Crece a unha temperatura duns 30 °C a humidade moi alta, coa humidade condensando e pingando da biopelícula.
Pénsase que Gloeobacter puido separarse das outras cianobacterias hai entre 3,7 e 3,2 miles de millóns de anos.[5] As especies de Gloeobacter puideron ramificarse hai uns 280 millóns de anos.[4]
Anthocerotibacter panamensis é unha especie relacionada, atopada nunha mostra tomada de antocerotas dunha pluvisilva de Panamá, que tamén carece de tilacoides. Ten moi poucos xenes dos necesarios para realizar a fotosíntese, pero ten a capacidade de realizala, aínda que moi lentamente. Probablemente se separou de Gloeobacter hai uns 1,4 millóns de anos.[6] Segundo AlgaeBase este xénero é tamén membro da familia Gloeobacteraceae.[7]