Gloster Grouse | |
---|---|
Tipo | avión experimental/caza |
Fabricante | Gloster Aircraft Company |
Deseñado por | Henry Folland |
Primeiro voo | 1923 |
Introducido | 1924 |
Principais usuarios | Forza Aérea de Suecia |
Unidades construídas | 1 |
Variantes | Gloster Grebe |
O Gloster Grouse foi un biplano británico da década de 1920 desenvolvido pola Gloster Aircraft Company. Moitas veces referido como o prototipo do Gloster Grebe,[1] o Grouse construíuse orixinalmente como un avión experimental e despois desenvolveuse como un adestrador.[2] A pesar do seu deseño compacto e manobrabilidade, o Grouse non foi en si un éxito comercial, aínda que formou a base para os cazas Gloster Grebe e Gamecock que foron utilizados pola Royal Air Force británica nos anos 30.
O deseño do Gloster Grouse foi un experimento para combinar as vantaxes do monoplano coas dun biplano. Foi deseñado polo enxeñeiro aeronáutico e deseñador inglés Henry Folland, o deseñador do S.E.5, entre outros modelos. A á superior tiña un perfil aerodinámico groso e de gran sustentación, mentres que a á inferior era máis pequena, cun perfil aerodinámico máis delgado de sustentación media colocado nun ángulo de ataque menor que a á superior. Esta disposición estaba destinada a producir unha elevada sustentación para a engalaxe con baixa resistencia.[3][4]
Para probar esta disposición equipáronse novas ás á fuselaxe dun Gloster Sparrowhawk modificado para producir o Gloster Grouse. O avión resultante era un pequeno biplano con ás de madeira dun único tramo.[3] A fuselaxe era bastante curta,[4] e aínda que a aeronave utilizaba a fuselaxe dun Sparrowhawk II de dous asentos, a carlinga dianteira foi carenada, deixando un só asento para o piloto nunha cabina aberta. O Grouse conservou o motor rotativo Bentley BR2 do Sparrowhawk movendo unha hélice de dúas pas.[3]
O prototipo Grouse Mk I (con rexistro G-EAYN) voou por primeira vez en 1923,[5] demostrando durante as probas que as teorías de Folland eran correctas. Tras ser avaliado pola RAF, realizáronse pedidos por tres derivados de caza, que serían propulsados por motores radiais Armstrong Siddeley Jaguar, denominados Gloster Grebe.[6]
En 1924, Gloster reconstruíu o Grouse como un adestrador de dúas prazas, o Grouse II, impulsado por un motor radial Armstrong Siddeley Lynx para substituír aos obsoletos Avro 504 da RAF, xurdindo desta forma en 1925.[7]
O Grouse II non conseguiu satisfacer as necesidades da RAF, sendo preferida unha nova versión do Avro 504, o 504N, tamén co motor Lynx.[7] A organización do exército sueco Flygkompaniet mercou o prototipo Grouse II como adestrador avanzado. O avión entregouse pouco antes da fundación da Forza Aérea de Suecia no verán de 1926. Durante o seu tempo en Suecia voou tan só 109 horas. Os pilotos quedaron impresionados co rendemento do avión, pero nungún outro Gloster Grouse foi proporcionado á forza aérea.[4]
Datos de Gloster Aircraft since 1917[8]