As glándulas de Meibomio ou glándulas tarsais son un tipo especial de glándulas sebáceas situadas no bordo das pálpebras dentro da placa tarsal, que producen unha secreción oleosa que impide a evaporación da película de bágoas que se forma no ollo humano. A súa secreción impide que esas bágoas se derramen nas meixelas, xa que quedan atrapadas entre o bordo aceitado e o globo ocular, e fai que as pálpebras pechadas sexan impermeables.[1] Na pálpebra superior hai aproximadamente 50 destas glándulas e na inferior hai unhas 25.
As glándulas reciben o seu nome polo do médico alemán Heinrich Meibom (1638–1700), que as describiu, aínda que xa se coñecían moito antes desde os tempos de Galeno.[2][3]
Algúns autores introduciron o termo "meibum" para referirse a estas secrecións.[4]
Os principais compoñentes da secreción son lípidos. A composición bioquímica da secreción é extremadamente complexa e moi diferente da do sebo producido polas glándulas sebáceas normais. Recentemente, publicouse unha revisión da composición da secreción das glándulas de Meibomio e da estrutura de varios lípidos identificados como presentes na secreción. O máis singular é que non presentan fosfolípidos típicos senón, no seu lugar, os raros (O-acil)-omega-hidroxi ácidos graxos.[5] Actualmente, a técnica máis sensible e informativa de análise dos lípidos da secreción é a espectrometría de masas en combinación coa cromatografía líquida.[6]
Nos humanos, foron identificadas na secreción máis de 90 proteínas distintas.[7]
O mal funcionamento das glándulas de Meibomio pode causar sequidade de ollos, que é un dos trastornos máis comúns dos ollos. Pode tamén contribuír á blefarite. A inflamación das glándulas de Meibomio fai que as glándulas queden entupidas por secrecións cerosas espesas. Ademais de produciren sequidade de ollos, estas obstrucións poden ser degradadas por lipases bacterianas, o que ten como resultado a formación de ácidos graxos libres, que irritan os ollos e ás veces causan queropatías.