Tipo | río curso de auga | ||||
---|---|---|---|---|---|
Inicio | |||||
División administrativa | España | ||||
Final | |||||
División administrativa | Provincia de Xaén, España | ||||
Localización | Río Guadalquivir | ||||
| |||||
Afluentes | |||||
Conca hidrográfica | conca hidrográfica do Guadalquivir | ||||
Características | |||||
Dimensións | 82 () km | ||||
Superficie da cunca hidrográfica | 1.300 km² | ||||
O río Guadiamar é un río do sur de España, discorre por Andalucía e constitúe o último dos grandes afluentes que recibe o Guadalquivir pola súa marxe dereita, antes da súa desembocadura.
O río Guadiamar nace en Serra Morena, preto da localidade de El Castillo de las Guardas na provincia de Sevilla. Pasa logo polos termos municipais de Gerena, Sanlúcar la Mayor, Olivares, Benacazón, Aznalcázar — onde está o famoso Vao de Quema, polo que pasan miles de peregrinos durante a romaría do Rocío — e acaba uníndose ao río Guadalquivir á altura de Isla Mayor cerca do parque nacional de Doñana.
A súa conca pode ser dividida en tres grandes áreas de acordo aos compoñentes paisaxísticos. En primeiro lugar Serra Morena, a máis ao norte, dominada por devesas de aciñeiras combinadas con zonas de pastos e matogueira e completado con repoboacións de piñeiros e eucaliptos; en segundo lugar, entre Serra Morena e a marisma, o río percorre unha grande extensión chaira ou suavemente ondulada que conforman a campiña e o Aljarafe, que ten como elementos máis característicos os oliveirais e os cultivos herbáceos, por último máis ao sur, atópanse as marismas. Os seus principais afluentes son o río Agre e o arroio Ardachón.
O nome con que o chamaron os romanos foi Maenuba, sendo naquela época navegable até certa altura polo menos no inverno. Tamén foi coñecido como Maenoba, Menova, Lenuba e Lenubar, o que podería indicar que o termo latino foi adaptación dun prerromano.[1] Con todo, unha etimoloxía indoeuropea foi proposta: *maino- "encharcado, pantanoso" e *uba "auga".[2] O seu nome árabe durante a Idade Media foi Wadi Yanbar, do que se derivou o hidrónimo español actual Guadiamar. En árabe, Wadi (وادي) significa "río", mentres que a etimoloxía de Yanbar é incerta, aínda que podería ser unha adaptación de Maenuba, a través de (m)ien(ou)ba.
Localízanse multitude de vilas romanas na súa contorna, téndose atopado moedas, pedras de teares, tubaxes de chumbo etc. No século I a. C. construíuse o acueduto de Itálica, con orixe na zona de Gerena e destino a cidade de Itálica. Durante a ampliación desta cidade construíuse outro acueduto con orixe en Tejada e que substituíu o primitivo polo seu maior caudal e mellores augas. Á altura de Aznalcázar atópanse os restos dunha ponte romana.[3]
En 1998 o río Guadiamar foi escenario da maior catástrofe ambiental de España: a rotura dunha balsa de residuos na mina de Aznalcóllar, que produciu a vertedura ao río de seis millóns de toneladas de barro tóxico e augas ácidas, ricas en cinc e arsénico, estando moi preto de alcanzar o parque nacional de Doñana, para evitalo construíronse tres diques cos que se desviou o río Guadiamar. Os traballos para retirar os lodos e limpar as terras contaminadas duraron máis de tres anos. A seguinte fase consistiu na rexeneración ambiental e económica da zona.
A empresa sueco-canadense Boliden-APIRSA, propietaria da mina, abandonou pouco despois a explotación. En 2008 conmemorouse o décimo aniversario da catástrofe cunha exposición en Sevilla que mostrou os datos pormenorizados do accidente mineiro e a rehabilitación posterior da zona. A exposición foi organizada polo Consello Superior de Investigacións Científicas, que no seu día foi o organismo encargado de coordinar todos os traballos de investigación que facilitaron a recuperación dese espazo.[4]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guadiamar |