Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Colombia | |||
Departamentos | Cundinamarca | |||
Poboación | ||||
Poboación | 6.963 (28,16 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 247,3 km² | |||
Altitude | 2.668 m | |||
Creación | 1593 | |||
Páxina web | guatavita-cundinamarca.gov.co… |
Guatavita é un concello do departamento de Cundinamarca (Colombia), que se atopa na provincia do Guavio, a 53 km ó nordeste de Bogotá. Atópase a unha altitude media de 2668 m s. n. m. e ten unha temperatura media anual de 13.2 °C, cunha precipitación de 932 mm.[1]
O topónimo «Guatavita» quere dicir en muysccubun (lingua muisca), «fin da labranza», ou «punto da serra».
Guatavita limita polo norte cos concellos de Sesquilé e Machetá; polo polo leste con Gachetá e Junín; polo sur Guasca, e polo oeste con Tocancipá e Gachancipá.
Na época precolombiana, Guatavita era o segundo zybyn (clan) máis importante do Zipazgo, despois do de Bacatá. Tamén era a capital relixiosa do Zipazgo, posto que na lagoa de Guatavita celebrábase a cerimonia que deu orixe á lenda de El Dorado.
A vila orixinaria de Guatavita estaba asentado ó pé do cerro de Montesillo, onde estaban as capitanías de Chaleche, Tuneche e Tuminé; a principal industria era a ourivaría, na que os seus habitantes sobresaíron como os mellores entre os muiscas.
Tempo despois de finalizada a batalla de Pasca, o Zibyntyba (Cacique) de Guatavita, rebelouse contra o Zipa Saguamanchica, pois consideraba que o poderío de Guatavita non era inferior ó de Bacatá, e que Saguamanchica estaba a asumir unha actitude autoritaria que Guatavita non estaba disposto a soportar. Declarou a guerra e partiu co seu exército coa intención de invadir Funza, capital do Zipazgo. Porén, Saguamanchica non só resistiu o ataque, senón que perseguiu a Guatavita de regreso ós seus dominios, que foron invadidos polo Zipa. Guatavita sufriu dúas derrotas importantes durante ese tempo, polo que o Cacique decidiuse a pedirlle axuda ao Zaque Michuá, posto que até entón considerábase que mesmo o Zipa debía someterse á autoridade do Zaque.[2]
Ó decatarse o Zaque do ocorrido, enviou un emisario a Saguamanchica coa mensaxe de que se presentase de inmediato en Hunza (hoxe Tunja), capital do Zacazgo, para que rendese contas da súa conduta. Saguamanchica burlouse abertamente da mensaxe enviada polo Zaque, e mesmo maltratou ó emisario. Cando o Zaque soubo o ocorrido, formou un exército de corenta mil güechas (guerreiros muiscas) e dirixiuse a Bacatá. Porén, ó decatarse de que o Zipa estaba a reunir un exército aínda máis numeroso, apoiado principalmente polo cacique de Sopó, Michuá decidiu dar media volta e regresar a Hunza, renunciando deste xeito á batalla .[3]
Pasado un tempo despois da primeira rebelión, o cacique de Guatavita volveu rebelarse contra o Zipa Saguamanchica, e decidiu invadir Chía e Cajicá, axudado por tropas enviadas polo Zaque. Saguamanchica tivo que abandonar o asedio que nese momento facía contra Ubaque e partir de inmediato para tentar sufocar a rebelión.
O Zipa dividiu o seu exército en dous corpos para loitar simultaneamente contra Guatavita e contra os panches, que invadiran Tena e Zipacón. Porén, a expulsión dos panches non foi posible senón até despois de dezaseis anos de continuas batallas. Cando houbo pacificado estas provincias, o Zipa xuntou todo o seu exército en Sopó, onde logrou reunir un total de cincuenta mil güechas, cos que se dirixiu cara a Guatavita, onde o cacique non puido ofrecer ningunha resistencia ante a superioridade numérica do seu inimigo.
Despois da morte do Zipa Saguamanchica, Nemequene, o novo Zipa de Bacatá, artellou unha estrataxia para lograr o sometemento definitivo do cacique de Guatavita.
Guatavita era unha rexión coñecida por posuír os mellores ourives, polo que de todas partes da Confederación Muisca se solicitaban os servizos destes artesáns. Porén, para evitar o despoboamento, Guatavita tiña unha política migratoria que consistía en que por cada artesán ourive que enviase a outra rexión, o solicitante debía retribuir a Guatavita enviando a dous dos seus habitantes.
En vista disto, Nemequene comezou a solicitar, ós poucos, que lle fosen enviados ourives de Guatavita a Funza, pero en lugar de retribuir con habitantes comúns, enviaba güechas (guerreiros muiscas) infiltrados. Para iso, Nemequene gañou a complicidade do Cacique de Guasca, quen en principio era aliado de Guatavita.
Cando Nemequene considerou que en Guatavita había suficientes güechas seus infiltrados, dirixiuse con sixilo, acompañado por un pequeno exército, e unha noite, facendo acenos con lume ós que estaban dentro do cercado de Guatavita (pois este era o sinal convido), atacou a poboación dende fóra, mentres os güechas infiltrados atacaban dende o interior. Guatavita foi incendiada e o seu cacique asasinado, xunto con toda a súa familia e boa parte dos seus súbditos. Nemequene nomeou a un irmán seu como novo cacique de Guatavita e deixou alí unha gornición permanente.[4]
Conforme a Cédula Real de 1567 nomeouse prior para Guatavita a Frei Sebastián de Morales; tamén se fundou o convento de Guatavita, que se chamou San Pedro Mártir. O priorado durou até 1584, ano en que quedou como vigairía.
O 18 de marzo de 1593 foi fundado a nova vila de Guatavita, polo oidor Miguel de Ibarra.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guatavita |