Guntō (軍刀?, "espada militar") é o nome en xaponés usado para describir as espadas xaponesas producidas para o seu uso na mariña e no exército xaponés trala fin da era dos samurais en 1868. Na subsecuente era Meiji a armadura, armas e ideais dos samurais foron substituídos de forma gradual por uniformes, armas e tácticas de influencia occidental. Xapón desenvolveu un exército propio no ano 1872 e os samurais perderon o estado de protectores do Xapón que mantiveran durante varios centos de anos.[1] As espadas guntō producidas en masa pasaron a formar parte do equipamento estándar do novo exército, tomando o lugar das espadas que levaban os samurais durante a era feudal.
Durante o período Meiji a clase samurai desapareceu de forma gradual, e o edicto Haitōrei de 1876 prohibiu levar espadas en público agás a determinados individuos, como os antigos daimyos, o persoal militar e a policía.[2] Os fabricantes de espadas tiveron dificultades para sobrevivir economicamente durante este período por mor da modernización do exército xaponés, e moitos deles comezaron a producir outros obxectos, como por exemplo cuberterías. As accións militares levadas a cabo polo Xapón na China e Rusia durante o período Meiji axudaron a revivir a manufactura de espadas, e xa no período Shōwa, pouco antes do comezo da segunda guerra mundial, volveron a producir espadas a unha grande escala.[3]
No período de militarización previo á segunda guerra mundial e durante toda a guerra tódolos oficiais xaponeses estaban obrigados a levar unha espada. Nesta época producíronse espadas de fabricación tradicional, o que resultaba insuficiente para cubrir a gran demanda de espadas, polo que aumentou o número de ferreiros con ningún ou moi poucos coñecementos na manufactura das espadas tradicionais xaponesas. A maiores disto, a subministración do aceiro xaponés específico (tamahagane) empregado na fabricación destas espadas estaba limitado polo que se viron obrigados a empregar outros tipos de aceiro e a modificar o proceso da fabricación das espadas.[4][2][3]
As espadas non tradicionais producidas neste período denomínanse "Showato", e no ano 1937 o goberno xaponés comezou a requirir o uso de etiquetas especiais para distinguilas das espadas de fabricación tradicional. As espadas Showato non se consideran verdadeiras espadas xaponesas no propio país, e poden ser confiscadas legalmente, mentres que fóra do país colecciónanse como obxectos históricos.[4][2][3]
A primeira espada estándar do exército xaponés coñeceuse como kyū guntō (旧軍刀?, "vella espada militar"). Murata Tsuneyoshi (1838-1921), un xeneral xaponés que fabricara armas de fogo con anterioridade, comezou a fabricar o que probablemente foi o primeiro substituto de fabricación en masa para as espadas tradicionais xaponesas. Estas espadas coñécense como "Murata-to" e usáronse tanto na guerra sino-xaponesa (1894-1895) coma na guerra ruso-xaponesa (1904-1905).[5] As espadas kyū guntō usáronse dende 1875 ata 1934 e tiñan unha gran semellanza coas espadas estadounidenses da época.[6][7]
A Shin guntō (新軍刀?, "nova espada militar") serviu de arma e distintivo de rango para o exército imperial xaponés entre os anos 1935 e 1945. Durante gran parte deste período as espadas fabricáronse no Arsenal Naval de Toyokawa. En resposta a un aumento do nacionalismo dentro das forzas armadas, deseñouse un novo estilo de espada para o exército xaponés no ano 1934. O shin guntō estilizouse a partir dun tachi tradicional do período Kamakura (1185-1332). Os rangos dos oficiais simbolizábanse por medio de borlas de cores atadas nun extremo da empuñadura. As cores asignadas eran o marrón/vermello e dourado para os xenerais, o marrón e vermello para os oficiais de campo, o marrón e azul para os oficiais de compañía e o marrón para os sarxentos e cabos.[7]
A espada de oficiais shin guntō Tipo 94 (九四式軍刀 kyūyon-shiki guntō?) substituíu as kyu gunto de estilo occidental no ano 1934. Tiña un mango de construción tradicional (tsuka) cun recubrimento tradicional de seda (ito). A funda para o Tipo 94 estaba feita de metal cun revestimento de madeira que protexía o fío da espada. Adoitaba estar pintada de marrón e tiña dúas monturas de cobre.
A espada shin guntō Tipo 95 (九五式軍刀 kyūgō-shiki guntō?) producida a partir do ano 1935 estaba deseñada para o seu uso por parte de oficiais non asignados. Deseñouse para parecerse aos Shin Guntō dos oficiais pero cun custo de produción en masa menor. Todas estas espadas tiñan fíos feitos a máquina e un número de serie en números arábigos.
No ano 1938 cambiouse ó modelo shin guntō Tipo 98 (九八式軍刀 kyūhachi-shiki guntō?), esencialmente unha simplificación do Tipo 94 con poucas diferenzas entre os dous modelos. Este modelo sufriu moitos cambios dende o ano 1938 ata a fin da guerra no ano 1945.
A espada Kaiguntō (海軍刀?, espada naval) é a versión naval menos común do shin guntō.[8] Algunhas destas espadas fabricáronse con fíos feitos de aceiro inoxidable.[9]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guntō |