![]() | |
Identificadores | |
Símbolo | HLA-B |
Símbolos alt. | AS, SPDA1, Bw-47, Bw-50, major histocompatibility complex, class I, B, B-4901, B-5001, HEL-S-83, HLA-B*45ZJ, HLA-B-3506, HLA-B-3905, HLA-B-5502, HLA-B-5602, HLA-B15, HLA-B39, HLA-B49, HLA-B50, HLA-B55, HLA-B59, HLA-B61, HLA-Cw, HLA-DRB1 |
Entrez | 3106 |
RefSeq | NP_005505 |
UniProt | P01889 |
Outros datos | |
Locus | Cr. 6 6p21.33(31.27 – 31.36 Mb) |
O HLA-B (complexo maior de histocompatibilidade, clase I, B) é un xene humano que codifica unha proteína que xoga un papel fundamental no sistema inmunitario. O HLA-B forma parte dunha familia de xenes chamados complexo do antíxeno leucocitario humano (HLA, do inglés human leukocyte antigen). O complexo HLA axuda ao sistema inmunitario a distinguir as proteínas propias do corpo das alleas de organismos invasores como virus e bacterias.
O HLA é a versión humana do complexo maior de histocompatibilidade (MHC), unha familia xénica que aparece en moitas especies. Os xenes deste complexo están separados en tres grupos básicos: clase I, clase II e clase III. En humanos, o xene HLA-B e dous xenes relacionados, HLA-A e HLA-C, son os principais xenes do MHC de clase I.
Os xenes do MHC de clase I proporcionan as instrucións para fabricar as proteínas que están presentes na superficie de case todas as células. Na superfiie celular, estas proteínas están unidas a fragmentos proteicos (péptidos) que foron exportados desde dentro da célula (previa a súa captación e procesamento). As proteínas do MHC de clase I presentan estes péptidos ao sistema inmunitario. Se o sistema inmunitario recoñece os péptidos como alleos (por exemplo, péptidos de virus ou bacterias), responde destruíndo a célula infectada.
O xene HLA-B ten moitas variantes normais, o que permite que o sistema inmunitario de cada persoa reaccione a un amplo rango de invasores alleos. Coñécense centos de versións (alelos) do HLA-B, e cada unha desígnase dándolle un determinado número (por exemplo, HLA-B27). Os alelos moi relacionados clasifícanse xuntos; por exemplo, hai polo menos 28 alelos moi similares que son subtipos do HLA-B27. Estes subtipos desígnanse da seguinte maneira: do HLA-B*2701 ao HLA-B*2728, por exemplo.
O xene HLA-B está localizado no brazo curto (p) do cromosoma 6 na citobanda 21.3, desde o par de bases 31 3531 871 ao 31 3571 211 [1]
Antíxeno | - | Antíxeno amplo |
Antíxenos divididos | ||
B7 | B5 | B51 | B52 | ||
B8 | B12 | B44 | B45 | ||
B13 | B14 | B64 | B65 | ||
B18 | B15 | B62 | B63 | B70 | |
B27 | B72 | B75 | B77 | ||
B35 | B16 | B38 | B39 | ||
B37 | B17 | B57 | B58 | ||
B41 | B21 | B49 | B50 | ||
B42 | B22 | B54 | B55 | B56 | |
B46 | B40 | B60 | B61 | ||
B47 | |||||
B48 | |||||
B53 | |||||
B59 | |||||
B67 | |||||
B73 | |||||
B78 | |||||
B81 | |||||
B*82 | |||||
B*83 | |||||
O prefixo "HLA-" foi recortado do nome dos serotipos. |
Espondilite anquilosante. Unha versión do xene HLA-B chamada HLA-B27 incrementa o risco de desenvolver espondilite anquilosante. Non se sabe seguro como o HLA-B27 causa este incremento do risco. Os investigadores especulan que o HLA-B27 pode presentar anormalmente os péptidos ao sistema inmunitario, o que desencadea a artrite. Outras investigacións suxiren que a inflamación das articulacións característica deste trastorno pode orixinar o pregamento incorrecto da proteína HLA-B27 ou a presenza de formas anormais da proteína na superficie celular. Aínda que a maioría dos pacientes de espondilite anquilosante teñen a variante HLA-B27, moitas persoas con esta variante particular nunca desenvolven o trastorno. Outros factores xenéticos e ambientais é probable que afecten ás posibilidades de desenvolver espondilite anquilosante e influír na súa progresión.[2]
O HLA-B27 está asociada coas espondiloartropatías, un grupo de trastornos que inclúen a espondilite anquilosante e outras doenzas articulares inflamatorias. Algunhas destas enfermidades están asociadas cunha condición da pel común chamada psoríase ou trastornos intestinais inflamatorios crónicos (enfermidade de Crohn e colite ulcerosa). Unha das espondiloartropatías, a artrite reactiva, é tipicamente desencadeada por infeccións bacterianas do tracto xenital e gastrointestinal. Despois dunha infección, os individuos afectados poden desenvolver a artrite, dor de costas, e inflamación ocular. Igual que na espondilite anquilosante, probablemente moitos factores contribúen ao desenvolvemento da artrite reactiva e outras espondiloartropatías.[3]
Outros trastornos. Varias variacións do xene HLA-B están asociadas con reaccións adversas a certos fármacos. Por exemplo, dúas versións específicas deste xene están relacionadas co incremento da sensibilidade aos fármacos entre a poboación chinesa han. Os individuos que teñen o HLA-B*1502 é máis probable que experimenten un grave trastorno da pel chamado síndrome de Stevens–Johnson en resposta á carbamazepina (un fármaco usado para tratar as convulsións). Outras versións, como o HLA-B*5801, está asociada cun incremento do risco de graves reaccións da pel en persoas tratadas con alopurinol (un fármaco usado para tratar a gota, que é unha forma de artrite causada pola acumulación de ácido úrico nas articulacións).[4]
Entre as persoas que sofren a infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH), unha versión do HLA-B denominada HLA-B*5701 está asociada cunha sensibilidade extrema ao abacavir. Este fármaco é un tratamento para o VIH-1 que enlentece o espallamento do virus no corpo. As persoas con hipersensibilidade ao abacavir a miúdo desenvolven febre, calafríos, erupcións, trastornos estomacais, e outros síntomas cando son tratados con este fármaco.[5]
Varias outras variantes do xene HLA-B parecen xogar un papel na progresión da infección polo VIH á síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA). A SIDA é unha doenza que dana o sistema inmunitario, o que lle impide defender con efectividade o corpo contra as infeccións. Os signos e síntomas da SIDA poden non aparecer ata 10 anos ou máis despois da infección polo VIH. Os estudos suxiren que as persoas con infección por VIH que teñen o HLA-B27 ou o HLA-B57 tenden a progresar máis lentamente que na SIDA usual. Por outra parte, os investigadores cren que os individuos VIH positivos que teñen o HLA-B35 tenden a desenvolver os signos e síntomas da SIDA máis rapidamente que o normal. Outros factores tamén inflúen a progresión da infección por VIH á SIDA.[6]
Outra versión do xene HLA-B, o HLA-B53, axuda a protexernos contra a malaria grave.[7] O HLA-B53 é máis común nas poboacións de África occidental, onde a malaria é unha causa frecuente da morte de nenos. Os investigadores suxiren que esta versión do xene HLA-B pode axudar ao sistema inmunitario a responder máis efectivamente ao parasito que causa a malaria.[8]
Os tres tipos de HLA son o HLA-A, o HLA-B, (ambos MHC de calse I) e o HLA-DR (un MHC de clase II). O HLA-B é un dos tres maiores HLA, e debe coincidir entre doantes e receptores de enxertos e trasplantes.[9] Se dous tecidos teñen os mesmos xenes que codifican para estes tres HLAs, a probabilidade e gravidade do rexeitamento do enxerto queda minimizada.[10]
Este artigo incorpora textoen dominio público de The U.S. National Library of Medicine