Hawker-Siddeley Harrier | |
---|---|
AV-8B Harrier II | |
Tipo | caza ataque ó chan |
Fabricante | Hawker Siddeley |
Primeiro voo | 28 de decembro de 1967 |
Introducido | 1 de abril de 1969 |
O Hawker Siddeley Harrier, coloquialmente chamado jump jet, foi un avión de ataque a terra e recoñecemento desenvolvido na década de 1960 e que formou a primeira xeración da serie Harrier. Foi o primeiro avión operacional con capacidade V/STOL (engalaxe e aterraxe verticais/curtas) e o único deseño V/STOL realmente exitoso dos moitos que xurdiron neses anos.
O Harrier produciuse a partir dos prototipos Hawker Siddeley Kestrel, despois da cancelación dun modelo supersónico máis avanzado, o Hawker Siddeley P.1154. A Royal Air Force (RAF) encargou as variantes Harrier GR.1 e GR.3 a finais da década de 1960. Na década de 1970 foi exportado ós Estados Unidos, onde recibiu a designación AV-8A, para ser usado polo Corpo de Marines dos Estados Unidos, e tamén a España baixo o nome de AV-8S Matador, para ser embarcado no portaavións Dédalo da Armada Española.
O turborreactor de empurre vectorial do Harrier permítelle operar dende pistas semipreparadas e despregalo en zonas avanzadas, lonxe dos vulnerábeis aeródromos. Tres escuadróns da RAF Germany recibiron o Harrier, inda que un foi disolto polo elevado índice de accidentes. Os Harrier foron despregados en diversas áreas da OTAN e combateron nas Malvinas. O GR.Mk 3, coa súa limitada carga útil e aviónica primitiva, foi substituído polo BAe/McDonnell Douglas AV-8B, chamado Harrier GR.Mk 5 pola RAF.
O Harrier foi un avión autenticamente decisivo que marcou a aparición do primeiro avión de combate STOVL, instancia para a que emprega un só turborreactor cun cuarteto de tobeiras vectoriais para a distribución equilibrada do pulo. O Harrier apareceu como resultado do prototipo P.1127 que voou por primeira vez en outubro do ano 1960. Fixéronse plans para desenvolver o P.1154 capaz de acadar Mach 2, pero este foi cancelado a favor do transónico pero máis barato Harrier GR.Mk 1 con motor Pegasus Mk 101 de 8.618 kg, posteriormente mellorado no Harrier GR.Mk 1A có Pegasus Mk 102 de 9.072 kg. O GR.Mk 1 comezou a entrar en servizo no ano 1969 e os 92 aparellos superviventes foron mellorados ó estándar GR.Mk 3 con maior potencia e proa revisada para instalar un telémetro láser e un procurador de brancos marcados.
O Escuadrón 1 da RAF converteuse na primeira unidade mundial equipada operativamente con cazas VTOL ó converterse ó Harrier en abril de 1969.
A maior experiencia de combate dos Harrier foi ó servizo Británico. Isto aconteceu durante a Guerra das Malvinas, onde se empregou tanto o Sea Harrier como o Harrier GR.Mk 3. O Sea Harrier, baseado no GR.Mk 3, tivo unha grande importancia nas actividades navais. Vinte Sea Harrier operaron dende os portaavións HMS Hermer e Invencible, principalmente para a defensa da frota. Inda que derrubaron 23 cazas arxentinos en combate aéreo (en parte por mor do emprego da novidosa variante do mísil americano Sidewinder e que os cazas arxentinos operaban en condicións extremas) non podían establecer unha superioridade completa e previr os ataques durante o día ou a noite, ou parar os voos diarios dos transportes dos C-130 Hercules ás illas. Tres Sea Harrier foron derrubados por fogo antiaéreo terrestre e outros tres por mor de accidentes. Ningún foi derrubado por avións inimigos.