Hematoxilina

Hematoxilina
Identificadores
Número CAS 517-28-2
PubChem 10603
ChemSpider 21106443
UNII YKM8PY2Z55
MeSH Hematoxylin
ChEMBL CHEMBL477197
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C16H14O6
Masa molar 302,28 g mol−1

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
Haemateína.

A hematoxilina (CI 75290) é un composto que se extrae da cerna ou durame da madeira da árbore pau de Campeche (Haematoxylum campechianum).[1] É un composto básico/positivo que se une e forma sales con compostos ácidos (basofílicos) que conteñen cargas negativas (por exemplo o ADN ou ARN, que son ácidos/negativos debido aos fosfatos cargados negativamente que conteñen) e tíngueos de azul escuro ou violeta.

A hematoxilina e a eosina adoitan aplicarse conxuntamente na que se denomina tinguidura de hematoxilina-eosina ou tinguidura HE, que é unha das máis utilizadas en histoloxía. Este tipo de tinguidura é permanente, a diferenza doutras que son temporais (como o lugol). Outra tinguidura común con hematoxilina é a hematoxilina-ácido fosfotúngstico, unha mestura de hematoxilina con ácido fosfotúngstico. Cando se oxida forma o composto hemateína, que forma complexos intensamente coloreados con certos ións metálicos, os máis notables dos cales son os sales de Fe(III) e Al(III). Os complexos de metal-hemateína utilízanse para tinguir os núcleos das células antes de observalos ao microscopio.[2] As estruturas que se tinguen con ferro-hemateína ou aluminio-hemateína adoitan demominarse basófilas, aínda que o mecanismo de tinguidura é diferente do utilizado polas tinguiduras básicas.

A inicios da década de 1970 e posteriormente en 2008, houbo escaseza de hematoxilina debido a interrupcións na extracción da madeira do pau de Campeche.[3] En consecuencia, o prezo do composto incrementouse, o que afectou ao custo da histopatoloxía diagnóstica e impulsou a procura de tinguiduras nucleares alternativas. Pero antes de que o uso de compostos alternativos quedase firmemente establecida, a hematoxilina volveu en abundancia aos mercados (a pesar de todo máis cara que antes) e volveu ocupar o seu posto preferente na histopatoloxía. Para a súa substitución recomendáronse varias tinguiduras sintéticas, principalmente o azul celestina (CI 51050), galocianina (CI 51030), galeína (CI 45445) e eriocromo cianina R (tamén chamada cromoxano cianina R e solocromo cianina, CI 43820). Todos eles son compostos que teñen Fe(III) como mordente. Outra alternativa é o complexo de aluminio de brazilina oxidada, que difire da hematoxilina tan só nun grupo hidroxilo.

Solucións de tinguidura

[editar | editar a fonte]
Pel de rato tinguido con hematoxilina (nuclear/púrpura) e eosina (citosólica/rosa).

Estas tinguiduras empréganse comunmente en estudos histolóxicos. Os mordentes utilizados para demostrar estruturas nucleares e citoplasmáticas son o alume (alum) e o ferro, que forman compostos coloreados (complexos tinguidura-mordente-tecido), cuxa cor dependerá dos sales usados. Os lagos de sales de aluminio son xeralmente de cor branca azulada, mentres que os lagos de sales férricas son negros azulados.

Solucións de aluminio

[editar | editar a fonte]

As tres principais solucións de alume hematoxilina empregadas son a hematoxilina de Ehrlich, hematoxilina de Harris[4], e hematoxilina de Mayer. O nome hemalume (ou haemalum) é preferible a "hematoxilina" para estas solucións porque a hemateína, que é un produto da oxidación da hematoxilina, é un composto que se combina con ións aluminio para formar o complexo tinguidura-metal activo. As solucións de alume hematoxilina danlle ao núcleo das células unha cor vermella clara transparente que rapidamente se volve azul ao ser exposta a calquera líquido neutro ou alcalino.

O alume ou o sulfato de aluminio e potasio utilizados como mordente xeralmente se disocian en solución alcalina, combinándose con ión OH da auga para formar hidróxido de aluminio insoluble. Na presenza de exceso de ácido, o hidróxido de aluminio non pode formarse, o que causa que non se forme o lago de tinguidura de aluminio hematoxilina, debido á ausencia de ións OH. Por tanto, as solucións ácidas de alume hematoxilina vólvense vermellas. Durante a tinguidura, as preparacións tinguidas con alume hematoxilina pásanse despois xeralmente por unha solución neutra ou alcalina (por exemplo, auga da billa cando é "dura" ou hidróxido amónico ao 1%) para neutralizar o ácido e formar un complexo alumino hematina azul insoluble. Este procedemento chámase o azulado.[5]

En lugares onde a auga da billa non é suficientemente alcalina, ou cando é auga ácida que non é axeitada para facer o azulado da hematoxilina, un substituto pode ser disolver 3,5 g de NaHCO3 e 20 g MgSO4·7H2O nun litro de auga con timol (para inhibir a formación de mofos), que acelera o azulado de cortes histolóxicos finos en parafina. A adición de trazas de calquera álcali á auga da billa ou destilada tamén proporciona unha solución azuleadora efectiva; unhas poucas pingas de hidróxido de aluminio forte ou de carbonato de litio saturado, engadidas inmediatamente antes do uso, son dabondo para un vaso de tinguidura de 400 ml cheo de auga. O uso de auga moi fría fai máis lento o proceso de azulado, mentres que a auga quente o acelera. De feito, a auga por debaixo de 10 °C en vez de azulear pode producir decoloracións rosa no tecido.

  1. Cooksey C. (2010) Hematoxylin and related compounds - an annotated bibliography concerning their origin, properties, chemistry and certain applications. Biotechnic & Histochemistry 85(1): 65-82. PMID 19568968
  2. Puchtler, H., Meloan, S.N. & Waldrop, F.S. 1986. Application of current chemical concepts to metal-haematein and -brazilein stains. Histochemistry 85: 353-364.
  3. Dapson R., Horobin R.W., Kiernan J.A. (2010) Hematoxylin shortages their causes and duration and other dyes that can replace hemalum in routine hematoxylin and eosin staining. Biotechnic & Histochemistry 85(1): 55-63.
  4. Meloan, S. M. & Puchtler, H. 1987. "Harris hematoxylin," what Harris really wrote and the mechanism of hemalum stains. Journal of Histotechnology 10: 257-261.
  5. Godwin Avwioro (2011). Histochemical Uses Of Haematoxylin - A Review. JPCS 1:24-34. PDF Arquivado 30 de novembro de 2016 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Brown, G. G. (1978). An Introduction to Histotechnology. Appleton-Century-Crofts, Nova York.
  • Jocelyn H. Bruce-Gregorios, M.D.: Histopathologic Techniques, JMC Press Inc., Quezon City, Filipinas, 1974.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]