Hemosiderina

Histopatoloxía dun caso de conxestión pulmonar, que mostra intersticios con deposición de hemosiderina (frecha negra), edema e engrosamento do coláxeno. Os alvéolos conteñen un siderófago (frecha branca, caracterizado polo seu groso pigmento castaño, que é lixeiramente refráctil).
Ril visto ao microsocopio. As áreas marróns son de hemosiderina.

A hemosiderina é un complexo proteico para o almacenamento de ferro que está composto de ferritina parcialmente dixerida e lisosomas. A degradación do grupo hemo dá lugar a biliverdina e ferro.[1][2] Entón o corpo atrapa o ferro liberado e almacénao como hemosiderina nos tecidos.[3] A hemosiderina xérase tamén nas vías metabólicas anormais da ferritina.[3]

Só se atopa dentro das células (e non circulando libre polo sangue) e parece ser un complexo de ferritina normal, ferritina desnaturalizada e outros materiais.[4][5] O ferro dos depósitos de hemosiderina está pouco dispoñible para a subministración deste elemento cando se necesita. A hemosiderina pode identificarse histoloxicamente coa tinguidura de azul de Prusia de Perls; o ferro da hemosiderina toma un ton de azul a negro cando se expón ao ferrocianuro potásico desta tinguidura.[6] Nos animais normais os depósitos de hemosiderina son pequenos e son pouco aparentes se non se aplican tinguiduras especiais. Xeralmente, detéctanse acumulacións excesivas de hemosiderina dentro das células do sistema fagocítico mononuclear ou ocasionalmente dentro de células epiteliais do fígado e riles.

Varias doenzas orixinan depósitos de grandes cantidades de hemosiderina nos tecidos. Aínda que estes depósitos non causen síntomas, poden orixinar danos nos órganos. A hemosiderina encóntrase normalmente nos macrófagos e é especialmente abundante despois de sufrir hemorraxias, o que suxire que a súa formación pode estar relacionada coa fagocitose dos glóbulos vermellos e a hemoglobina que contiñan.[7] A hemosiderina pode acumularse en diferentes órganos en varias doenzas. Pode depositarse en doenzas asociadas cunha sobrecarga de ferro.[8] Adoitan ser doenzas nas que cómpre facer frecuentes transfusións de sangue, como a anemia falciforme e a talasemia.

O ferro é necesario para diversas reaccións químicas e procesos do corpo (por exemplo, as oxidacións-reducións), pero é tóxico cando non está debidamente almacenado, polo cal no corpo se desenvolveron diversos métodos para almacenalo, como a hemosiderina e feritina.

  1. "Hemosiderin". Definition, Staining, Function and Treatment. 2019-05-04. Consultado o 2019-05-04. 
  2. Kalakonda, Aditya; John, Savio (2018-10-27). "Physiology, Bilirubin". NCBI Bookshelf. PMID 29261920. Consultado o 2019-05-04. 
  3. 3,0 3,1 Litwack, Gerald (2018). "Micronutrients (Metals and Iodine)". Human Biochemistry. Elsevier. pp. 591–643. ISBN 978-0-12-383864-3. doi:10.1016/b978-0-12-383864-3.00019-3. 
  4. Richter, Goetz (1 de agosto de 1957). "A Study of Hemosiderosis with Aid of Electron Microscopy". The Journal of Experimental Medicine 106 (2): 203–218. PMC 2136742. PMID 13449232. doi:10.1084/jem.106.2.203. 
  5. Fischbach, FA; Gregory, DW; Harrison, PM; Hoy, TG; Williams, JM (decembro de 1971). "On the structure of hemosiderin and its relationship to ferritin.". Journal of Ultrastructure Research 37 (5): 495–503. PMID 5136270. doi:10.1016/S0022-5320(71)80020-5. 
  6. Kumar, Abbas, Aster, Vinay, Abul K., Jon C. (2015). Robbins & Cotran Pathologic Basis of Disease, 9th Edition. Elsevier. p. 650. ISBN 978-1-4557-2613-4. 
  7. "Forensic Pathology". 
  8. "Hereditary haemochromatosis through 150 years". Tidsskrift for den Norske Legeforening (en inglés). Consultado o 2018-07-14.