Heteroconger | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Heteroconger hassi | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||||||||
|
Heteroconger é un xénero de peixes angüiliformes da familia dos cóngridos que comprende varias especies, coñecidas como heterocongros, e que, xunto coas do xénero Gorgasia, constitúen a subfamilia dos heterocongrinos.
Son peixes moi semellantes ás anguías, das que se diferencian sobre todo por viviren enterrados na area ou na lama do fondo, do que sobresae só a cabeza e a parte anterior do tronco, e que viven xeralmente agrupados en colonias, polo que tamén reciben os nomes de anguías de xardín ou anguías tubícolas. Aliméntanse de plancto.
O xénero foi descrito por Bleeker no ano 1868.
Corpo moi alongado e comprimido (miden aproximadamente 40 cm e son moi delgados). Cola moito máis longa que a cabeza e o resto do corpo. Aletas dorsal e anal que, ás veces, conflúen coa aleta caudal. Aletas pectorais ausentes ou vestixiais. Cabeza curta. Fociño moi curto. Boca curta e oblicua. Ollos grandes en comparación co seu corpo e olfacto débil debido ao seu diminuto nariz.[2]
Viven enterrados na area do fondo, e xeralmente só é visíbel a cabeza e a metade dianteira do tronco, pero se se molestan retíranse enteiramente no seu agocho. As anguías de xardín son tímidas cos outros animais e cos humanos, pero os machos son agresivos cos outros machos da súa especie. Cando se senten ameazadas, retírase ao seu tobo, e péchano cun bloque de moco para que os depredadores non poidan penetrar no seu fogar.[3]
A maior parte das especies habitan na rexión Indo-Pacífica, pero tamén hai outras que viven nas augas tropicais e subtropicais de todo o mundo, especialmente nas partes máis cálidas do océano Atlántico (incluíndo o mar Caribe) e do Pacífico oriental.[2]
Os científicos aínda non coñecen a lonxevidade dos heterocongros en estado salvaxe. Son carnívoros e aliméntanse de plancto. Para buscar a comida válense sobre todo na vista, debido aos seus grandes ollos. Permanecendo no seu tobo, e movendo a cabeza, atrapan o plancto que chega á deriva debido ás correntes. reprodúcense sexualmente e presentan dimorfismo sexual. Na época da reprodución, sen saír do tobo, acércanse entre si, e os machos entrelázanse coa femia coa que queren aparearse, á que defenden ferozmente, mordéndolles a cabeza, e mesmo os ollos, aos outros pretendentes. Liberan os gametos na auga, onde os ovos se fecundan e quedan flotantes reuníndose na zona epipeláxica. Cando os ovos eclosionan, os heterocongros desenvolven as súas larvas flotando na auga e, cando son o suficientemente grandes, nadan até o fondo e escavan na area cadanseu tobo na periferia da colonia, que así vai medrando.[4]
Xénero Heteroconger Bleeker, 1868
Especies [5]
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Heteroconger |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Heteroconger |