Hipótese do culto das meigas

O aquelarre (1789) de Francisco de Goya, representando ao diaño flanqueado por bruxas satanistas.

A hipótese do culto das meigas é unha teoría pseudohistórica, correntemente considerada[quen?] en falla de creto, que propón que a caza de meigas na Europa da Idade Moderna foi unha tapadeira para a persecución dunha relixión pagá, semiorganizada e milenaria, que sobreviviu á cristianización do continente. Segundo os defensores da teoría, o culto das meigas adoraba a un deus cornudo da fertilidade ao que os cristiáns tacharon de Satán, e celebraba reunións á noitada que pasaron por aquelarres nas acusacións inquisitoriais. Esta hipótese foi orixinada polos teóricos decimonónicos alemáns Karl Ernst Jarcke e Franz Josef Mone no século XIX, e adoptárona xa tardeiro o historiador francés Jules Michelet, a feminista americana Matilda Joslyn Gage e o folclorista Charles Leland. A súa maior difusión, emporiso, deuse coa exiptóloga inglesa Margaret Murray, que a amosou nos seus libros The Witch-Cult in Western Europe (1921) e The God of the Witches (1931).[1] Aínda que a participación de Murray popularizou a teoría entre varios académicos e o público do século XX, nunca chegou a ser aceptada polos expertos na caza de meigas, que a impugnaron nunha serie de investigacións ao longo das décadas de 1960 e 1970.[2][3]

Os especialistas na Europa antiga consideran que a hipótese do culto das meigas non posúe unha base documental, e que as persoas acusadas nas cazas de meigas medievais non pertencían a ningunha relixión relacionada, senón que se trataba xeralmente de vítimas da histeria colectiva e as xenreiras populares, e nalgúns casos herexes e persoas en desacordo coa dogma cristián imperante.[4][5] Sinalouse que a hipótese do culto nútrese dun emprego moi arbitrario dos testemuños existentes, a miúdo terxiversando as accións tanto dos acusados como dos acusadores, e ignora o feito de que a meirande das confesións que se daban nestes xuízos ocorrían baixo presión e tortura.[2][6] Tamén se fixo notar que non existen probas, nin arqueolóxicas, historiográficas ou de ningún tipo, que delaten a existencia dunha relixión precristiá como a que a teoría describe.

A pesar disto, a hipótese tivo un considerábel eco na literatura moderna, influenciando a novelistas como John Buchan e Robert Graves e dando orixe á Wicca, un movemento relixioso neopagán do que os seus membros afirman que procede dunha antiquísima relixión de meigaría. Un paso intermedio foi dado por Carlo Ginzburg, que postulou que os estereotipos modernos da bruxaría poderían efectivamente provir de elementos precristiáns endemoñados, aínda que sen propor por iso a existencia dunha relixión propia que o fundamente.[6]

  1. Elliot Rose, A Razor for a Goat: A Discussion of Certain Problems in Witchcraft and Diabolism, 1962.
  2. 2,0 2,1 Mircea Eliade, "Some Observations on European Witchcraft", History of Religions, 1975
  3. Kathleen L. Sheppard, The Life of Margaret Alice Murray: A Woman's Work in Archaeology, 2013
  4. Ronald Hutton, The Triumph of the Moon: A History of Modern Pagan Witchcraft, 1999
  5. George L. Burr, "Review of Margaret Murray's The Witch-Cult in Western Europe", American Historical Review nº27, 1922
  6. 6,0 6,1 Norman Cohn, Europe's Inner Demons: An Enquiry Inspired by the Great Witch-Hunt, 1977

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]