Hippoglossina oblonga

Hippoglossina oblonga
Paralichthys oblongus
Rapante de catro ollos
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Paralichthyidae
Xénero: Hippoglossina
Especie: H. oblonga
Nome binomial
Hippoglossina oblonga
(Mitchill, 1815) [1]

Hippoglossina oblonga é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos paralictíidos,[1] coñecida en galego como rapante de catro ollos.[2]

Esta especie foi situada no xénero Paralichthys por algunhas autoridades.[3]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi definida en 1815 polo médico e naturalista estadounidense Samuel Latham Mitchill, co nome de Pleuronectes oblongus, polo que se coñece polos sinónimos:[1]

  • Paralichthys oblongus (Mitchill, 1815) e
  • Pleuronectes oblongus Mitchill, 1815)

Por outra parte, varios autores sitúan a especie dentro do xénero Paralichthys, polo que tamén e coñece con nome Paralichthys oblongus (Mitchill, 1815).

Catacterísticas

[editar | editar a fonte]

Como o maioría dos peixes planos sinistros (os que teñen ambois os ollos no lado esquedo do corpo) pode cambiar a coloración do lado pigmentado para imitar o do fondo circundante, e tamén é capaz de escavar rapidamente en fondos lamacentos ou areosos.

A parte posterior do corpo, de cor que pode variar en xeral parda clara a gris escura, está marcada por catro grandes e conspicuas manchas negras cos bordos dunha cor moito máis clara, a xeito de "ollos", dúas delas situadas en cada marxe do corpo, ao que alude o seu nome vulgar "de catro ollos" en varias linguas.[4]

Os dentes son afiados e están ben desenvolvidos.

O lado cego é de cor rosada pálida, case transparente en certas áreas.

Datos recollidos dos arrastreiros de pesca suxiren que os adultos miden por termo medio entre os 25 e os 30 cm de lonxitude, sendo probabelmente o seu tamaño máximo duns 40 cm.

Os adultos son depredadores, sobre todo piscívoros, comendo calquera peixe pequeno bentónico, e tamén cefalópodos.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Habita en fondos areosos e fangosos, a profundidades de polo menos 20 m, até o bordo da plataforma continental. A súa área de dispersión vai dende o golfo de Maine e, quizais, como límite norte, as costas da Nova Escocia, até as da Florida. As migracións e a reprodución desta especie son pouco coñecidas.

O rapante de catro ollos péscase na zona pesqueira 21 (noroeste do Atlántico),[2] onde o apañan os arrastreiros. Debido ao seu pequeno tamaño e a súa escaseza cerca da costa non é aprezado ou incluso coñecido polos pescadores deportivos, que a miúido poden confundilo co seu parente Paralichthys dentatus (o rapante de verán),[2] co que comparte área de distribución, aparencia e hábitos alimentarios. Porén, pode distinguirse del, á parte polos catro "ollos", tamén pola súa forma un pouco máis alongada e polos ollos "auténticos" proporcionalmente maiores. A súa carne é branca e de sabor moi suave, semellante ao do rapante de verán e a de Paralichthys lethostigma.

  1. 1,0 1,1 1,2 Hippoglossina oblonga (Mitchill, 1815) no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 2,2 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 80. (Citada como Paraichthys oblongus).
  3. Froese, Rainer and Pauly, Daniel, eds. (2014): Hippoglossina oblonga en FishBase.
  4. Castelán: falso halibut de cuatro ocelos; francés: cardeau à quatre ocelles; galego: rapante de catro ollos; inglés: four-spot flounder; portugués: carta-de-quatro-olhos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Eschmeyer, William N., ed. (1998): Catalog of Fishes. Special Publication of the Center for Biodiversity Research and Information, núm. 1, vol. 1-3. San Francisco (California, Estados Unidos): California Academy of Sciences. ISBN 0-940228-47-5.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8,
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Scott, W. B. & M. G. Scott (1988): Atlantic fishes of Canada. Toronto, Ontario, Canadá: University of Toronto Press. ISBN 0-8020-5712-8.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]