A historia da estrutura do exército romano descrive as principais transformacións cronolóxicas da organización e constitución das forzas armadas da Roma Antiga, as cales foron cualificadas como «a institución militar máis efectiva e duradeira coñecida da historia».[1]
Dende as súas orixes, arredor do ano -800 até a caída do Imperio Romano en 476, a estrutura militar de Roma atravesou unha serie de cambios estruturais de grande envergadura. A grandes trazos, as armas romanas dividíanse en exército e armada, se ben estas dúas pólas estaban menos diferenciadas que nos exércitos nacionais actuais. Á súa vez, a estas dúas pólas fixéronselles cambios estruturais como resultado dunha reforma militar con visión de futuro, así como unha evolución estrutural orgánica.
Despois dun período protohistórico do cal non hai información escrita, a estrutura do exército romano pode xeralizarse a través dunha serie de fases históricas. Nun comezo, o exército romano consistía nunhas levas anuais de cidadáns que prestaban o servizo militar como parte dos seus deberes co estado. Durante este período, o exército romano enfrontouse principalmente a adversarios locais en campañas estacionais.
A medida que os territorios controlados por Roma se ían expandindo, e a medida que a tamaño das cidades ía medrando, os exércitos da antiga Roma foron profesionalizándose pouco a pouco, asalariando ós seus soldados. Como consecuencia, os servizos militares dos niveis máis baixos da sociedade fóronse facendo cada vez a máis longo prazo. As unidades militares desta época eran moi homoxéneas e estaban moi reguladas. O exército consistía en unidades de infantaría romana coñecidas como lexións, así como tropas aliadas formadas por cidadáns nom romanos coñecidas como tropas auxiliares (auxilia). Esta última adoitaba usarse para que apoiase ó exército de infantaría lixeira ou de cabalaría, formando as lexións o núcleo de infantaría pesado.
Na terceira fase do desenvolvemento militar de Roma, as forzas estaban encarrgadas de manter e asegurar as fronteiras das provincias baixo control romano, así como da mesma Italia. As ameazas estratéxicas da época eran en xeral menos serias neste período, e a énfase púxose na preservación do territorio gañado. O exército evolucionou cara a nova situación e volveuse máis dependente das gornicións estables, e menos dos campamentos itinerantes e das operacións de campo continuas.
Na fase final do exército romano, o servizo militar continuou sendo asalariado e profesional para as tropas regulares. Porén, a tendencia a empregar aliados ou tropas mercenarias expandiuse até o punto que estas acabaron representando unha proporción substancial das forzas de Roma. Ademais, a uniformidade da estrutura que presentaba o exército romano en épocas anteriores desapareceu: os soldados da época variaban dende arqueiros montados e moi pouco armados á infantaría pesada, en rexementos dun tamaño e calidade moi variable. Isto veu acompañado dunha importancia cada vez maior da cabalería fronte a infantaría, así como dunha recuperación da importancia da mobilidade.
O primeiro exército romano mencionado nos escritos é descrito por fontes moito máis tardías. En concreto por Tito Livio e Dionisio de Halicarnaso remontándose oito séculos cara a atrás. Acotío faise referencia a este exército como o exército curiado de Roma, nome que procede das subdivisións do exército baseadas nas tres tribos fundadoras da cidade (en latín: curiae). O exército era relativamente pequeno, e as súas actividades limitábanse principalmente ós saqueos e roubos de gando con liortas ocasionais.[2]
Non tiña o profesionalismo e a organización de posteriores exércitos romanos, estando as unidades e rexementos probablemente compostos por divisións por tribos ou por gens. O exército estaba composto de infantaría dende os seus comezos nalgún intre do primeiro milenio antes de Cristo, mentres que a cabalería (coñecida como os celeres, literalmente, os rápidos) non se formaría, segundo a tradición (por outra banda moi discutida), até os tempos de Rómulo e Remo.[3]
Durante esta época, Roma sería probablemente unha vila fortificada no dun outeiro, e o seu exército poderíase achegar ó típico grupo de guerreiros da Idade de Bronce, liderados polo xefe da tribo. Moitas das armas e armaduras deste período eran moi semellantes ó resto da cultura de Villanova,[4] que era a predominante na rexión. Os deseños das espadas, por exemplo, eran moi semellantes ós empregados por outros pobos da época.[5]
O exército (en latín: legio) daquela consistía, segundo Tito Livio, en exactamente 3 000 soldados de infantaría e 300 de cabalaría. Cada unha das tres tribos fundadoras achegara un terzo das forzas.[6] Porén, Livio é moi posterior ós feitos descritos, que unido á exactitude matemática das cifras, converte a cantidade en pouco fiable.[7] No que coincide a maioría dos historiadores modernos é que a práctica totalidade do exército estaba formado por soldados a pé ou pedites. Posiblemente se tratase dunha infantaría homoxénea armada con xavelinas. A cabalaría (en latín, celeres), era moito menos numerosa, e seguramente estaba composta polos nobres adiñeirados da cidade.
Coa entrada do século -VII, os etruscos (en latín, etrusci), na Idade de Ferro, constituían a civilización predominante no Lacio.[8][9] Como tantos outros pobos da rexión, os romanos loitaron cos etruscos para conservar a súa independencia e foron derrotados. A finais de século, os etruscos conquistaron Roma, estabelecendo unha ditadura militar ou un reino na cidade.