A Historia urbana de Londres é unha historia vella de máis de 2000 anos. Durante este período, a cidade coñece varias epidemias de peste, ten incendios, soporta guerras civís, experimenta bombardeos aéreos e ataques terroristas. A pesar diso, continuou desenvolvéndose para devir nunha das capitais financeiras e culturais máis importantes do mundo.
Ata o ano 43 da nosa era, ano en que os romanos invaden a Gran Bretaña, os asentamentos dos bretóns no curso inferior do río Támese eran pouco máis ca aldeas ou granxas. No seu avance cara ao norte, os romanos atópanse co primeiro obstáculo no río. Elixen o sitio para vadealo antes do seu ancheamento cara a desembocadura.
No ano 50 constrúen unha primeira ponte provisional de madeira xusto uns metros ao leste do actual London Bridge [1]. Nas dúas marxes vaise asentando un poboamento, sendo o da beira norte o máis relevante (15 Ha) por ser o campamento romano, e recibindo o nome de Londinium [2]. Para o ano 62, cando a revolta bretoa ao mando da raíña Boudicca quen a destrúe, era xa unha poboación de certa entidade e, trala súa reconstrución, converterase na capital da Britania romana.
Dende o ano 80 existe unha ponte permanente sobre o río e dende o 100 foro e basílica.
Despois constrúense o anfiteatro, termas e templos cunha cidadela defensiva ao noroeste[2].
No século dous os tempos difíciles para o imperio comezan a achegarse e as rexións periféricas son as primeiras en notar a recesión. Constrúese a muralla entre o 190 e o 220 que vai delimitar a City ata os nosos días, e un segundo foro encol do primitivo. De todas as maneiras, a cidade inda continúa a ser un florecente porto comercial a beira do río Tamisa [2].
Nas dúas seguintes centurias a decadencia e recesión da cidade acompañarán a do Imperio ata que no ano 410 os romanos abandonan Britania a súa sorte. Londinium é unha sombra do que foi encollida e despoboada, e mesmo así, resistirá loitando contra os invasores anglos e saxóns, pobos rurais que non aprecian a vida urbana, ata que cara ao 571 é absolutamente abandonada en ruína e así restará por unha xeración.
Nesta cidade estivo instalada a ceca de Londinium, onde se cuñou moeda imperial romana en cobre, prata e ouro.[3][4]
A reurbanización virá coa cristianización dos saxóns. Así, no 604 constrúese a primeira Catedral de San Paulo, pouco máis ca unha capela en madeira. O lugar elixido é o da área dos antigos templos pagáns.
Pero vai ser fóra do recinto romano, cara ao oeste, en torno ao que hoxe é o Strand, onde a partir de 640 se vai a ir constituíndo un asentamento comercial que xa en 670 recibe o nome de Lundenwic e que florece a través do comercio portuario co continente.
Pouco despois parece ser a data da posible fundación polos reis de Mercia, dos que dependía entón a área de Londres, dun primeiro mosteiro en Westminster. Serán os mesmos que ao longo do século VIII construirán nas ruínas da cidadela e anfiteatro romanos un pazo real con capela, dando así comezo ao renacemento urbano dentro das antigas murallas e que chamarán Lundenburh.
Os séculos nove e dez estarán marcados polos ataques viquingos e significarán a fin de Lundenwic; a poboación buscará o refuxio da Lundenburh amurallada [5]. Son tempos de destrucións e reconstrucións sucesivas. Así a ponte e a catedral.
Xusto antes da conquista normanda en 1066, remata a construción da primitiva Abadía de Westminster e un pazo adxacente [6] polo último dos reis daneses, Eduardo o Confesor, quen afirma a Londres coma capital de Inglaterra e inaugura o Pazo de Westminster como residencia real en adiante.
Cos normandos chega a súa magnífica cantería exemplificada no reforzo das fortificacións da cidade cuxa obra senlleira vai ser a Torre Branca(1078-97) dentro do complexo da Torre de Londres no extremo leste da muralla romana,á par do río. Pouco despois iníciase a cuarta reconstrución da catedral de San Paulo (1087-1240 e 1260-1314), ambiciosa obra comezada en románico normando e que rematará nun espléndido coro gótico máis de dous séculos despois. Outra grande obra será a da primeira Ponte de Londres en pedra (1176-1209).
A consolidación da área de Westminster virá da man da erección da Abadía gótica (1245-1390), esplendor dese estilo en Inglaterra, e do Westminster Hall (1394-1402), en substitución tamén do primitivo normando e xermolo do complexo do palacio actual
Faise evidente entón o carácter de cidade dual de Londres: por un lado a City of London dentro de murallas, o vello centro portuario, comercial e financeiro, con ampla autonomía municipal, precedente do sistema parlamentario; e polo outro, Westminster, sede da corte e o goberno do reino.
A tarefa urbana do baixo medievo vai ser a unión (Temple, Inns of Court) dos dous polos pivotando en Charing Cross, de tal maneira que cara a 1600 o intermedio estará completamente urbanizado [7].
Para o mesmo vai contribuír decisivamente a "Disolución dos Mosteiros" de 1535 a 1538, unha especie de desamortización que Henrique VIII leva a cabo trala súa separación da Igrexa romana. Nada menos que un terzo da poboación e máis da metade da área da cidade de entón pertencía a relixiosos.
Eses terreos pasan á nobreza e ó mesmo rei, para construíren neles. Así, Henrique VIII converte o hospital de leprosos de St. James no pazo homónimo cos campos adxacentes dos que xurdirán os famosos parques de St. James [5], Hyde Park e Kensington Gardens. Igualmente, nos xardíns dun convento, o arquitecto Iñigo Jones deseña por encargo do Duque de Bedford a primeira praza de Londres, a Covent Garden Piazza [8]. Este é o Londres en que viviu e creou as súas obras William Shakespeare, e mesmo as interpretou no teatro Globe, sito na beira sur do río (Southwark).
O mesmo Londres que vai a arder no Great Fire de 1666 que arrasa case a totalidade da vella cidade medieval intramuros [5]. Era unha excelente oportunidade de reconstruíla segundo novos patróns e fixéronse proxectos de rúas ortogonais e avenidas con grandes prazas, pero a monarquía carecía de recursos e os propietarios dos terreos esixían os seus dereitos. Soamente ampliáronse algunhas rúas e o arquitecto Christopher Wren levantou máis de vinte igrexas que puntúan cos seus campanarios o perfil da cidade ata hoxe, ademais da nova catedral de San Paulo coa súa impresionante cúpula.
Será no oeste (West End) onde a cidade creza dun modo máis axeitado con barrios de casas de ladrillo planificadas ao redor de prazas axardinadas (squares). Así St.James's Square, Lincoln's Inn Fields e Bloomsbury, Leicester, Golden, Gray's Inn e Soho Squares ata 1700 [5]; Hanover e Cavendish, Grosvenor, Berkeley, Portman, Bedford e Manchester Squares, núcleos dos barrios de Mayfair e Marylebone con Oxford Street polo medio e lindando con Hyde Park, no século XVIII; establecendo un patrón (o desenvolvemento urbanístico de promoción privada, en xeral en terreos pertencentes á nobreza) que continuará nos séculos vindeiros facendo a Londres clásica e recoñecible (tan diferente da París dos grandes eixos da realeza).
Pois no século XVIII, sobre todo na segunda metade, Londres convértese na capital da emerxente primeira potencia comercial do mundo e da incipiente revolución industrial. A cidade experimenta un crecemento dramático ata o millón de habitantes. Derrúbase a vella muralla e a maiores dos barrios pudentes antes citados, urbanízase o sur entrambas beiras do río, historicamente soamente restrinxido a Southwark. A isto contribuirán, despois de dezasete séculos, a construción de novas pontes sobre o Tamisa: Westminster Bridge(1738) e Blackfriars Bridge(1760-9) [5].
Nada comparable, porén, ao desenvolvemento do século XIX, onde Londres será a capital dun imperio mundial. En primeiro lugar, constrúese unha zona portuaria acorde con esa posición comercial dominante, augas abaixo do río ata Greenwich; e con ela, a expansión cara ao leste de barrios proletarios (East End).[5] No West End, proséguese coas promocións especulativas aristocráticas, paradigmaticamente Regent Street (1812), o eixo nobre que une Westminster a través de Piccadilly Circus cun novo parque ao norte, Regent's Park (1828-38) [5], en torno aos que xorden novos barrios para as clases altas, entre os que destacan os terrace do arquitecto John Nash, outra imaxe característica do urbanismo londiniense [9].
Entre os numerosos fitos arquitectónicos anteriores a metade do século cabe salientar o derrubo da vella ponte medieval e a súa substitución por un novo London Bridge uns metros ao oeste; museos coma o British Museum, en torno ao que se estrutura o barrio de Bloomsbury, e a National Gallery con Trafalgar Square de diante engrandecendo o vello Charing Cross coma foco central da cidade; outro barrio exclusivo, Belgravia, tras Buckingham Palace no West End; e sobor de todo, a chegada do ferrocarril (1836, London-Greenwich) e seis estacións xa nos primeiros anos [5]. Finalmente, a postal característica do neogótico nas Houses of Parliament co Big Ben en Westminster.
En 1850, Londres é xa a maior metrópole do mundo e un ano despois organiza a que será a primeira Exposición Universal. En terreos do sur de Hyde Park vaise levantar un edificio que ata hoxe mantén o prestixio de seren o comezo dunha nova época: o Crystal Palace , lamentablemente destruído polo lume, en ferro e cristal, coma un xigantesco invernadoiro, inaugura a arquitectura moderna. Neses terreos da exposición, construirase máis tarde un conxunto cultural no que cabe salientar o Royal Albert Hall e o Museo Victoria e Alberto o redor do cal váise configurar o barrio de Kensington.
O seren a primeira megalópole da historia fixo enfrontaren a Londres con novos problemas: un sistema de transporte suburbano baseado no ferrocarril e a construción dun novo, subterráneo e nunca antes visto, o metro (1863); por outra banda fíxose insoportable a presión da inmigración masiva de poboación cara a cidade coa aparición do fenómeno dos slums, barrios de infravivenda hoxe tan habituais das grandes urbes, especialmente concentrados no East End [10]. Coma contraste, nesa zona constrúese o pintoresco vitoriano Tower Bridge (1886-94), postal para turistas ata hoxe. Na zona nobre da cidade, a oeste, co cambio de século complétase o monumental eixo do Mall unindo Trafalgar Square con Buckingham Palace mediante o Arco do Almirantado(1901-13) [11][12].
Fronte aos problemas anteditos da suburbialización e a suburbanización (sprawl) aparecen propostas, ao comezo utópicas, pero que van marcar o futuro do urbanismo ata hoxe: así a cidade-xardín de Ebenezer Howard en 1899 [13], e xa no século XX, aproveitando os estragos dos bombardeos da segunda guerra mundial, unha reconstrución que propón un cinto verde arredor da urbe consolidada e unha coroa de novas cidades (new towns) de baixa densidade, ben comunicadas e con bos servizos.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia de Londres |