Igrexa de Bunge | |
---|---|
Datos xerais | |
País | Suecia |
Rexión | Gotland |
Localización | Bunge |
Coordenadas | 57°51′13″N 19°01′24″L / 57.85372222, 19.02347222 |
Culto | |
Culto | Igrexa de Suecia |
Diocese | Diocese de Visby |
[ editar datos en Wikidata ] |
A igrexa de Bunge (sueco: Bunge kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Bunge, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Escavacións arqueolóxicas realizadas en 1916 e 1971 descubriron que a presente igrexa, principalmente gótica, foi precedeida por outra de estilo románico do século XII. A súa enorme torre é posterior pero pertencía a ese primeiro edificio.[1] A torre está apoiada por un cantraforte e está construída como unha fortaleza con habitacións fortificadas en tres plantas.[2] A nave e o coro construíronse no século XIV nun estilo gótico clásico típico de Gotland; a nave e alta e espazosa, dividida en dúas partes por esveltas columnas; o coro carece de ábsida; e a parte leste da igrexa remata no seu lugar nunha parede recta adornada con tres fiestras alongadas.[3][4]
A igrexa e o cemiterio están rodeados por un muro que orixinalmente era máis alto e tiña un propósito defensivo. Nel aínda sobreviven catro portas medievais e varias seteiras.[1][3][4] O complexo da igrexa evidentemente tivo un rol defensivo xa que hai marcas de picas e frechas de béstas na robusta porta da torre, que aínda se conserva no seu lugar orixinal.[1][3][4][5][6][7] Ademais, o interior da igrexa está densamente decorado con frescos que representan, entre outras cousas, a cabaleiros loitando.[1][3][4][5] Os frescos e a muralla da igrexa poden datar do curto período de tempo no que Gotland pertenceu á Orde Teutónica. Isto levou a algúns académicos a especular se a igrexa puido ser durante un tempo propiedade da Orde e converteuse nun Ordensburg a pequena escala.[1]
A igrexa é unha das máis grandes do norte de Gotland.[3][4] Como se menciona arriba, amosa unha mestura entre estilo románico (torre) e gótico (nave e coro). A igrexa ten un portal sur finamente tallado, rico en esculturas, e un portal norte con detalles románicos, posiblemente tamén incorporado do anterior edificio.[3][4]
A característica máis distintiva do interior son as ricas pinturas das paredes, con frescos executados por un mestre pintor probablemente de Prusia ou Bohemia.[1] Estes son de finais do século XIV ou principios do século XV e representan distintos temas cristiáns, como o Xuízo Final, a crucifixión de Xesús, algúns apóstolos ou lendas de santos.[1][3][4] En canto aos cabaleiros mencionados anteriormente, os académicos teñen diferentes teorías sobre o que representan. Unha di que son Cabaleiros Teutóns,[1] outra afirma que é unha representación da batalla de Visby,[6] mentres que outras cren que son, en relación con outras pinturas, unha representación do tema cristián do martirio da Lexión Tebana.[1][3] A igrexa conserva unha única vidreira, unha pía bautismal do século XIII e unha rareza: un cepillo de esmolas de pedra asinado con runas por un canteiro: Lafrans fixo esta pedra.[3][4]