A igualdade de resultados é un concepto de xustiza social que defende a igualdade real alcanzada e contrastada en materia de dereitos humanos, tanto dereitos civís e políticos como dereitos económicos, sociais e culturais.[1][2]
O cumprimento dos dereitos humanos polos distintos gobernos vén obrigada pola ratificación dos distintos pactos internacionais sobre estes. Así, existe a Carta Internacional de Dereitos Humanos, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (ICESCR) que puideron ou non ser ratificados polos Estados. A supervisión dos dereitos humanos só é posíbel se se comproba e confirma o seu cumprimento real nas distintas sociedades e para todos os cidadáns, en caso contrario falariamos de igualdade formal mais non real ou de igualdade de oportunidades para o logro duns dereitos mais non da súa consecución.[3][4][5]
O concepto de igualdade de resultados vai máis aló da igualdade formal que se recolle nas constitucións e no corpus lexislativo mais que non se promove nin cumpre nin en contido nin alcanza a toda a poboación que é acredora dos devanditos dereitos. Neste sentido a igualdade de resultados contraponse á idea de igualdade formal e tamén á igualdade de oportunidades que limita esa igualdade teórica a un punto de partida ideal que se desentendería do proceso posterior no desenvolvemento, consecución e comprobación dos obxectivos e dereitos potencialmente recoñecidos.[2]
A igualdade de resultados non pretendería unha igualación sistemática en todos os aspectos da vida, xa que os factores que condicionan a diversidade social, o éxito, o fracaso, a enfermidade, os accidentes... nunha sociedade formada por individuos de capacidades dispares e sometidos a situacións azarosas non só é imposíbele senón innecesario garantir idealmente unha igualdade absoluta de resultados. Se o é, exixir, que os dereitos humanos alcancen a todos os cidadáns.
A igualdade de resultados é unha proposta deontolóxica que pon en foco na comprobación dos dereitos dos cidadáns, no resultado e non na potencialidade da igualdade formal.
A igualdade formal non garante o cumprimento dos dereitos humanos como tampouco o fai a igualdade de oportunidades. Existen sempre situacións de desigualdade -física, intelectual, económica (herdanza) e sociais- que fan imposíbel a formalidade da igualdade de oportunidades. Son os gobernos e o sistema xudicial do Estado de dereito os que deben promover, vixiar e garantir o seu cumprimento.
As ideoloxías que consideran un ben desexábel o igualitarismo e a maior igualdade social adoitan preferir a igualdade de resultados á igualdade de oportunidades. Tradicionalmente a esquerda política foi máis favorábel á igualdade de resultados, mentres que a dereita política tradicionalmente máis proclive á igualdade de oportunidades. A máxima do socialismo marxista do «a cada cal segundo a súa achega», frecuentemente repetida na forma «a cada un segundo a súa necesidade, de cada un segundo a súa capacidade», ilustra a idea defendida polos que prefiren a igualdade de resultados fronte á igualdade de oportunidades. Outra política amplamente practicada, inspirada máis na igualdade de resultados que de oportunidades é a redistributividade dos impostos.