Illacme plenipes | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Femia de I. plenipes con 618 patas | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Illacme plenipes Cook & Loomis, 1928 | |||||||||||||||||
Hábitat idóneo predito (máximo en azul) para I. plenipes baseado en variables climáticas
|
Illacme plenipes é un diplópodo (milpés) siforrínido que se encontra na rexión central do estado de California. Algúns individuos chegan a ter 750 patas, polo que é o animal con máis patas do mundo. Viuse por primeira vez en 1926, mais non foi redescuberto ata 2005. É unha das dúas especies do xénero Illacme. Unha segunda especie, Illacme tobini, descubriuse e nomeouse en 2016.
Aínda que ningún milpés ten mil patas, o que máis se achega a esa cifra é I. plenipes.[1] Como media esta especie ten unhas 600 patas, o dobre que a media dos milpés, pero hai rexistros de individuos con 750. Malia esta gran cantidade de patas, o animal é bastante pequeno, mesmo en comparación con outros milpés. As femias crecen aproximadamente ata 2,5 cm; os machos son aínda un pouco menores e con menos patas.
A especie descubriuna en San Benito County, que está dentro da Provincia Florística de California, en 1926 o científico federal Orator Cook e describírona formalmente Cook e Harold F. Loomis en 1928.[2] Cook e Loomis describiron a especie sen deixar ilustracións e ata 1996 non se proporcionaron as primeiras ilustracións grazas a Rowland Shelley do North Carolina Museum of Natural Sciences, que reexaminou os espécimes orixinais.[3] Porén, a especie non se volveu a ver viva de novo ata que foi redescuberta en 2005, case 80 anos despois, por Paul Marek, que entón era un estudante da East Carolina University.[4] Marek publicou o seu descubrimento na revista Nature.[5] Marek e colegas deron unha descrición máis detallada da anatomía e ecoloxía de I. plenipes en 2012.[1]
Illacme pertence á orde Siphonophorida e á familia Siphonorhinidae. É o único sifonorrínido coñecido no hemisferio occidental, aínda que Shelley suxeriu que se deberían encontrar máis especies no sur de California e México.[3] O parente máis próximo de Illacme non foi determinado, pero un probable candidato é Nematozonium filum do sur de África, que tamén ten un corpo longo e estreito e característicos gonópodos.[1]
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Illacme plenipes |