Nome orixinal | (la) Illus |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século V |
Morte | 488 Papúrio, Turquía (pt) |
Causa da morte | decapitación |
Senador romano | |
Cónsul romano | |
Actividade | |
Ocupación | oficial, político |
Período de tempo | Imperio Romano |
Carreira militar | |
Rango militar | Xeneral |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Ilo (en grego, Ιλλός ou Ιλλους; en latín Illus, Ellus ou Hyllus), finado no 488, foi un xeneral bizantino que tivo un papel importante no reinado dos emperadores Zenón e Basilisco.[1] Apoiou a revolta de Basilisco contra Zenón e despois mudou de bando, apoiando o retorno de Zenón (segundo reinado: 475-476). Dende ese momento, tornouse nun fiel xeneral do emperador, derrotando o usurpador Marciano. Así e todo, acabou enfrontándose á emperatriz-consorte Elia Verina, o que o levou a apoia-la fracasada revolta de Leoncio, pero esta fracasou e Ilo foi executado.
Ilo era un isaurio, mais a data e o lugar do seu nacemento son descoñecidos. Tiña un irmán chamado Apalio Ilo Trocundo. Crese que pasou por diversos cargos importantes canda o emperador León I, o Tracio (reinado 457-474) e que era un amigo íntimo de Zenón, antes de se converter, este, en emperador. Aínda que Xoán Malalas afirmou que era tío de Zenón,[2] na súa primeira aparición no reinado de Zenón amosou unha conduta de hostilidade cara ao emperador.
Basilisco, irmán da emperatriz-consorte Elia Verina, viúva de León expulsou a Zenón de Constantinopla no 475 e enviou un exército para perseguilo baixo o mando de Ilo e de seu irmán Trocundo até Isauria, onde Zenón estaba agochado. Os irmáns derrotaron o emperador fuxitivo (xullo de 476) e o cercaron nun outeiro, ironicamente, chamado polos habitantes locais como "Constantinopla".[3] Ilo tamén capturou o irmán de Zenón, Longinus, como forma de ter controlado a Zenón.[4]
Durante o cerco, Ilo e Trocundo foron convencidos polo senado para apoiar a Zenón contra Basilisco, con quen a relación se convertera en odio e desprezo. O propio Ilo estaba tamén descontento co usurpador por permitir, este, o masacre dos isaurios que permaneceran na capital trala fuxida de Zenón.[4] Polo tanto, entre as promesas e os agasallos de Zenón, mudaron de bando, iniciando o retorno á capital. Preto de Nicea, en Bitinia, atoparon as forzas de Basilisco mandadas polo seu sobriño o xeneral Armato. Tras ser este, tamén, derrotado, Basilisco foi abandonado polos seus partidarios e, finalmente, foi deposto e executado no 477, e Zenón accedeu ó trono.
Ilo foi nomeado como único cónsul no 478 e, no 479, e foi o encargado de esmaga-la perigosa revolta de Marciano, neto do emperador Marciano, e fillo de Antemio tamén emperador de Occidente.
Marciano casara con Leoncia, filla do falecido emperador León e de Verina, e irmá de Elia Ariadna, esposa de Zenón. A súa revolta comezou en Constantinopla onde derrotou as tropas de Zenón co apoio da poboación da capital e cercouno no palacio. Durante unha temporada, Ilo perdeu a confianza, mais esta falta de coraxe foi temporal e recuperouna tras consultar con Pamprepio, un vidente exipcio que estaba baixo a súa proteccióbn. As forzas de Marciano foron subornadas por Ilo e, o propio Marciano, cos seus irmáns Procopio e Rómulo, foron capturados. Aínda que os irmáns conseguiron escapar, Marciano foi enviado a Tarso -onde foi obrigado a se converter en sacerdote- ou para o monte Papurio ou Papirio, unha fortaleza en Isauria que se empregaba como prisión estatal.
Trocundo, o irmán de Ilo, foi cónsul no 482 mentres que o propio Ilo recibiu os títulos de patricio e Magister officiorum por empregara ben o seu poder e influencia e por prestar bos servizos ao estado, na paz e na guerra. Tamén, era un amante das artes e da ciencia.
Quizais por mor das súas afeccións literarias, converteuse en amigo e protector de Pamprepio, que recibía un salario a costa do erario público e unha mesada ao seu cargo. Pamprepio, nativo de Tebas ou, de acordo con outras fontes, de Panópolis, en Exipto, era un pagán acérrimo, un eminente poeta, gramático e, especialmente, un habilidoso vidente.
Pamprepio era detestado tanto por Zenón como pola emperatriz-nai Verina e, durante a ausencia de Ilo, que partira para unha viaxe de negocios a Isauria, eles proscribírono baixo a acusación de tentar adiviñar eventos futuros a prol de Ilo e contra o emperador. Ilo, coñecedor de que a súa amizade era causa de desgusto no palacio real, recibiuno na súa casa e, ao tornar á capital, levouno con el. A data destes feitos é dubidosa, é posíbel que ocorresen antes da revolta de Marciano, porén unha data posterior é máis probable.
Como o carácter de Zenón o facía celoso de todos os que tiñan influencia e talento, non é de estrañar que a posición de poder de Ilo e o apoio popular que recibiu o fixeran sospeitoso e que o emperador intentase, de varias maneiras, desfacerse del. A ambiciosa Elia Verina, a Nai Emperatriz, tamén foi a súa inimiga e artellou un intento contra á súa vida. Hai noticia de que un asasino alano empregado por ela o ferira, pero este ataque é dubidoso pois o máis seguro é que os historiadores da época confundisen este ataque con outro posterior planeado pola súa filla Elia Ariadna. En calquera caso, o intento de Verina fracasou e Zenón, igualmente celoso dela, desterrouna a petición de Ilo e encerrouna no forte de Papurio. Tamén hai dúbidas sobre o momento en que se produciron estes feitos. Cándido (PG 85) data o desterro de Verina antes da revolta de Marciano e Teodoro o Lector di que a causa foi a súa participación na revolta do Basilisco. De feito, non é improbable que esta impetuosa muller fose desterrada dúas veces, unha vez antes da revolta marciana pola súa relación con Basilisco e outra vez despois da revolta polo seu fracasado intento de asasinar a Ilo. Desde a súa prisión, convenceu á súa filla Ariadna, a muller de Zenón, para que a axudase e intentou que a liberasen, primeiro de Zenón e logo de Ilo. Ilo non só rexeitou a petición, senón que acusou a Verina de intentar colocar a outra persoa no trono do marido de Ariadna, o que enfureceu á emperatriz. Ela, como a súa nai antes, intentou asasinar a Ilo. Xordanes, con todo, afirma que o odio de Ariadna tiña outra causa: di que Ilo enchera a cabeza de Zenón de sospeitas, o que causaría conflitos co emperador. O asasino empregado por ela tamén fallou, pero logrou cortarlle unha orella antes de que fose arrestado. Zenón, que parecía saber sobre o caso, non puido impedir que o executasen.
Ilo e seu amigo Pamprepio, agora xubilado da corte, foron primeiro para Nicea e, despois, coa desculpa dun cambio de aires para curar unha enfermidade, para oriente, onde foi feito xeneral de tódolos exércitos co poder de nomear os oficiais provinciais. Marso, un oficial isaurio de certa reputación e mailo patricio Leoncio, outro coñecido oficial de orixe siria ou ben o acompañaron na viaxe ou ben se xuntaron con el en oriente. O irmán de Ilo, Trocundo, probabelmente tamén foi para aló.
Eles comezaron unha revolta no 483 ou no 484 na que atravesaron Asia Menor. Ilo declarou a Leoncio emperador e derrotou o exército de Zenón preto de Antioquía e, despois de conseguir o apoio dos isauros e de conquistar Papurio, en Isauria, soltou a Elia Verina e a convenceu para coroar a Leoncio en Tarso. Elia tamén enviou unha circular ao oficiais en Antioquía, en Exipto e no Oriente que os convenceu para unírense a Ilo. Este importante servizo, porén, non evitou que ela fose, de novo, enviada a Papurio, onde morreu pouco tempo despois.
No 485, Zenón enviou un novo exército contra os rebeldes, composto de macedonios e escitas (aínda que segundo Tillemont, habían ser ostrogodos) baixo o mando de Xoán o Escita e Teodorico, o Amalo, quen daquela era cónsul. Xoán, derrotou aos rebeldes preto de Seleucia (mais non está claro cal das cidades que teñen ese nome sería, e a convención decídese por Seleucia Isaura) e os empurrou de volta para Papurio, onde os rebeldes foron cercados. Trocundo intentou escapar e unir forzas para liberalos, pero foi arrestado e executado. Ilo e Leoncio non sabían o que pasara e, alentados por Pamprepio, qune estaba seguro do retorno e da vitoria final de Trocundo, resistiron o cerco con moito tesón durante máis de tres anos. No cuarto, Ilo descubriu que Pamprepio pretendía traizoalos para salvarse e, en novembro do 484 matouno.[5] Outros autores, afirman que era falso que Pamprepio quisese traizoa-lo seu patrón, pero que o fracaso dos seus plans e a morte de Trocundo foron interpretados como un engano polos homes de Ilo e este o mandou matar.[6]
Aos poucos, a fortaleza foi pronto tomada a causa da traizón do cuñado de Trocundo e Ilo, o cal fora enviado con este propósito desde Constantinopla por Zenón; e tanto Ilo como Leoncio foron decapitados (488) e as súas cabezas enviadas ao emperador.
Predecesor: Basilisco II e Armatos no 476 |
Cónsul do Imperio romano 478 |
Sucesor: Zenón |