Imprimatur ("Que se imprima", en latín) é unha aprobación por parte da xerarquía da Igrexa católica segundo a cal unha obra literaria ou semellante está libre de erros en materia de doutrina e moral e é polo tanto aceptábel para ser impresa e lida polos católicos.
O imprimatur é de maior importancia nas obras que tratan da teoloxía e doutrina católicas e introduciuse como medida para reducir a exposición, especialmente dos leigos, á herexía. A presenza do imprimatur foi en tempos un asunto da maior preocupación para moitos católicos. Con efecto, nalgúns países oficialmente católicos non se podía publicar nada legalmente sen un imprimatur. Hoxe só preocupa a algúns católicos moi conservadores.
O imprimatur católico pode consistir de até tres selos, seguido cada un deles por unha sinatura (nome e cargo):
Estes "selos" e "sinaturas" non son selos literais e sinaturas manuscritas, senón que se imprimen nunha das primeiras páxinas do libro, xunto coa data e lugar (como nos documentos legais), en tipografía básica.
A continuación, algunhas obras poden incluír unha afirmación como a seguinte:
O termo ampliouse para incluír a aprobación "oficial" por autoridades de calquera tipo relacionadas coa área en cuestión. Así, pódese dicir que unha obra de natureza política ten o "imprimatur" dun determinado partido político. Trátase dunha aprobación en sentido simbólico, normalmente.
Outra utilización recente do termo é a que fai o programador John Walker, quen advirte da posibilidade da imposición dun imprimatur dixital por parte das autoridades sobre o que os cidadáns poden ler ou compartir.