In flagranti delicto[1] é unha locución latina propia da linguaxe xurídica que significa "no momento de cometer un delito". Indícase con esta expresión que se sorprendeu a alguén no momento de cometer un acto que debe ser castigado, unha acción punible. Tamén se emprega a tradución directa en flagrante (delito)" e a adaptación formal en flagrante[2]. Hai na lingua galega varias expresións populares equivalentes á locución latina, como "coller a un nas patacas", "coller a un coas mans no allo" ou "pillar a un na figueira". A locución in fraganti co mesmo significado vén recollida nalgúns dicionarios[3] pero é unha forma propia do castelán[4].