Inter Movistar | |||
---|---|---|---|
Nome | Inter Fútbol Sala | ||
Alcume(s) | La máquina verde | ||
Fundación | 1977 | ||
Estadio | Pavillón Cajamadrid Alcalá de Henares, España | ||
Capacidade | 4.500 | ||
Presidente | Pascual Saorín | ||
Adestrador | David Marín Ortega | ||
Liga | División de Honra (LNFS) | ||
2009-10 | 2º | ||
Vestimenta | Hummel | ||
Patrocinador | Movistar | ||
Na rede | |||
http://www.interviufs.com | |||
| |||
O Inter Fútbol Sala ou Inter Movistar por motivos de patrocinio, é un equipo español de fútbol sala da cidade de Alcalá de Henares (Madrid).[1] Actualmente compite na División de Honra da Liga Nacional de Fútbol Sala.
O club foi fundado en 1977 polo xornalista deportivo José María García co obxectivo de xogar partidos benéficos e de exhibición. No entanto, na década dos '80 converteuse nun club profesional baixo a denominación Interviú Fútbol Sala. En 1989 foi un dos membros fundadores da LNFS. O Inter FS ten gañado oito campionatos de liga, sendo o club que máis veces o logrou, e é un dos clubs máis laureados do fútbol sala mundial.
O equipo naceu en 1977 grazas a unha iniciativa do xornalista radiofónico José María García. Nun principio chamouse Hora XXV, como o programa informativo nocturno da Cadena SER, e creouse para xogar partidos benéficos e de exhibición. O equipo estaba formado por antigos xogadores de fútbol como Amancio ou López Ufarte, e xornalistas, entre os que se encontraba o propio García.
En 1979 a Federación Española de Fútbol organizou o primeiro campionato oficial de fútbol sala, participando na tempada inicial como Interviú Hora XXV. O club proclamouse campión no seu debut. En 1981 El Corte Inglés selou un acordo de patrocinio, polo que o equipo trocou o seu nome por Interviú Lloyd's, e posteriormente por Interviú Boomerang. Na década dos '80 gañou oito ligas. Durante toda a súa historia, o club xogou en Madrid, Alcobendas e Torrejón de Ardoz, ata asentarse definitivamente en Alcalá de Henares.
En 1989 a Federación Española de Fútbol e a Asociación de Fútbol Sala unificaron os seus campionatos, creando así a Liga Nacional de Fútbol Sala. O Interviú foi un dos seus membros fundadores, e na tempada inaugural os madrileños conseguiron a Liga e a Copa de España. Dous anos despois proclamouse campión de Europa por primeira vez na súa historia. Nos seguintes anos, o club mantivo un bo nivel, mais a dura competencia non lles permitiu conseguir a liga de novo ata 1996.
Desde o 2002 ata o 2005 conseguiu catro títulos de liga consecutivos, e converteuse nun dos dominadores do campionato nacional. Ademais gañou tres veces consecutivas a Copa Intercontinental e foi o primeiro equipo que obtivo tódolos títulos oficiais existentes neste deporte a nivel europeo. En recoñecemento, o Goberno de España outorgoulle á institución a Real Orden del Mérito Deportivo en 2006.
A última liga conseguida polo equipo foi na tempada 2007-08 como Interviú Fadesa. Dende aquela, o club quedou ás portas del campionato doméstico en dúas ocasións máis. Cando a construtora Fadesa quebrou, o equipo asinou un acordo de patrocinio co operador móbil Movistar. Tras estar varios anos desvinculado do Grupo Zeta e Interviú, a institución cambiou o seu nome por Inter Fútbol Sala en outubro do 2010.[2]
|
|
Oficialmente chamado Inter Fútbol Sala, o equipo adaptou o seu nome en función do seu patrocinador. A revista informativa Interviú foi un dos sponsors oficiais nos seus primeiros anos de existencia, e aínda que xa non o patrocina, o seu nome continúa ligado ao club. Dende o 2008 emprégase a abreviación Inter, que significa tamén internacional.