International Ultraviolet Explorer (IUE) / Explorer 57 | |
---|---|
International Ultraviolet Explorer (IUE) | |
Tipo | Observatorio espacial |
Organización | NASA/ESA/SERC |
Satélite de | Terra |
Data de lanzamento | 26 de xaneiro de 1978[1][2][3] |
Foguete portador | Delta 2914[2][4][5] |
Sitio de lanzamento | Cabo Cañaveral[2][6] |
Obxectivo da misión | Observación astronómica no ultravioleta.[2][6] |
NSSDC ID | 1978-012A |
Masa | 669 kg[2][4] |
Potencia | 424 vatios[2] |
Datos orbitais | |
Semieixo maior | 42.224,8 km[1] |
Inclinación | 43,8 graos[1] |
Apoapse | 42.144,0 km[1] |
Periapse | 29.563,6 km[1] |
International Ultraviolet Explorer, tamén coñecido polo seu acrónimo IUE e como Explorer 57, foi un observatorio espacial froito da colaboración entre a NASA, a ESA e o SERC (o Consello de Investigación de Ciencia e Enxeñería) lanzado o 26 de xaneiro de 1978 mediante un foguete Delta 2914 desde Cabo Cañaveral.[2][4][5]
IUE adicouse a facer observacións astronómicas espectrográficas no rango do ultravioleta, no rango de lonxitudes de onda entre 1150 e 3250 ángstroms, para o cal levaba como único instrumento a bordo un telescopio de 45 cm de diámetro.[2][4]
O satélite deseñouse e lanzouse mediante colaboración internacional: o Centro Goddard de Voo Espacial (GFSC) proporcionou o satélite e a instrumentación óptica; o SERC as cámaras de televisión usadas como detectores; e a ESA as células solares e un centro de control. Durante a misión, dous terzos do tempo de observación eran dirixidos desde o centro de control do GFSC e un terzo desde o centro de control europeo.[2][4]
Tras varias extensións da misión, o IUE foi apagado definitivamente ás 18:42 UTC do 30 de setembro de 1996.[2][4]
O único instrumento do IUE era un telescopio Ritchey-Chretien de 45 cm de apertura que dirixía a luz cara a un espectrógrafo que usaba cámaras vidicon como detectores. O espectrógrafo cubría o rango de lonxitudes de onda de 1150 a 3250 Å e podía funcionar a baixa (6 Å) ou alta (0,1 Å) resolución. A altas resolucións podía observar obxectos de ata magnitude 12, mentres que a baixa resolución podía observar obxectos máis débiles, ata magnitude 17, con tempos de observación de varias horas.[2][4]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: International Ultraviolet Explorer |