Isidoro de Kíiv, nado arredor de 1385 en Monemvasia (Imperio Bizantino) e finado o 27 de abril de 1463 en Roma (Estados Pontificios), foi un eclesiástico católico grego, metropolita de Kíiv e toda a Rus entre 1437 e 1441, cardeal e patriarca latino de Constantinopla.
Era de orixe grega, dunha familia ortodoxa de Monemvasia.[1] Algúns historiadores indican que arredor de 1413 foi elixido metropolita de Monemvasia,[2][3] mais outros historiadores rexeitan dita identificación proposta.[4] Entrou no mosteiro, e chegou a ser hegúmeno do mosteiro de San Demetrio de Constantinopla.[5] Dende moi cedo foi partidario da reunión da Igrexa ortodoxa coa Igrexa católica.
Cando o Imperio Bizantino estaba ameazado polos otománs, a corte valorou a posibilidade dun rescate dos reinos de Europa Occidental como resultado da reunión entre as igrexas, e en 1434 Isidoro foi enviado por Xoán VIII Paleólogo a Basilea, como parte dunha delegación para negociar co Concilio de Basilea. Á súa volta, continuou a participar nas preparacións da reunión.
En 1437 foi nomeado metropolita de Kíiv e toda a Rus (estando entón a sé en Moscova) polo patriarca ecuménico de Constantinopla Xosé II, tamén favorable á unión. Á súa chegada a Moscova, comezou a organizar a delegación moscovita para o Concilio de Ferrara, malia a hostilidade do gran duque Basilio II.
No concilio, o 5 de xullo de 1439 foi asinada a fórmula de entendemento, a bula Laetantur coeli, polos representantes de rito latino e rito bizantino, Isidoro entre eles. Posteriormente, o 18 de decembro do mesmo ano, Isidoro foi creado cardeal por Uxío IV, e nomeado legado papal para Lituania, Livonia e Moscovia. Á súa volta a Moscova, publicou dende Buda unha encíclica chamando aos seus bispos a aceptar a unión, mais cando chegou a Moscova na pascua de 1441 se encontrou coa oposición de Basilio II e de varios bispos.
Á súa chegada a Moscova, durante a súa primeira Divina Liturxia na Catedral da Dormición no Kremlin, Isidoro nomeou o papa Uxío IV durante a liturxia, e proclamou o decreto de unificación. Ademais, Isidoro enviou unha mensaxe do Vaticano a Basilio II, pedíndolle a súa colaboración para a propagación da unión. Tres días máis tarde, Isidoro foi arrestedo e encerrado no mosteiro de Chudov.
En setembro de 1443, logo de dous anos encerrado, o metropolita fuxiu a Tver, posteriormente a Lituania e, finalmente, a Roma, onde foi recibido polo papa. Alí foi nomeado bispo de Sabina.
O papa Nicolao V enviouno como legado a Constantinopla en 1452 para continuar coa reunión de católicos e ortodoxos. Levou con el arredor de 200 soldados para a defensa da cidade. Coa caída de Constantinopla en mans dos otománs o 29 de maio de 1453 salvou a vida ao vestir a un cadáver coas súas roupas, mais caeu como prisioneiro e foi enviado a Asia Menor como escravo.
Cando conseguiu fuxir volveu a Roma. O 10 de maio de 1456 foi nomeado administrador de Nicosia, e o 20 de abril de 1458 patriarca titular de Constantinopla.