Joakim Simon Noah, nado o 25 de febreiro de 1985 en Nova York, é un ex xogador profesional internacional de baloncesto. Neoiorquino de nacemento, é fillo de nai sueca (a escultura e modelo Cécilia Rodhe) e de pai francés (o tenista e músico Yannick Noah, fillo do futbolista camerunés Zacharie Noah), tendo as nacionalidades estadounidense, sueca e francesa, con cuxa selección nacional foi internacional. A nivel universitario xogou para a Universidade de Florida, onde gañou dous campionatos da NCAA de xeito consecutivo: 2006 e 2007. Xa como profesional foi seleccionado no Draft da NBA de 2007 polos Chicago Bulls no noveno posto da primeira rolda. Noah é dúas veces All-Star da NBA e gañou o premio ao Defensor do Ano da competición en 2014.
Noah xogou a baloncesto en diferentes institutos da contorna de Nova York e Nova Jersey, participando ademais en numerosos torneos na rúa, onde recibía o alcume de "The Noble One" (do inglés: o da nobreza), xa que alguén ouviu dicir que era fillo dun famoso tenista profesional. No seu último ano de instituto alcanzou o título estatal tras facer unha media de 24 puntos e 12 rebotes por partido. Tras o instituto ingresa na Universidade de Florida.
Durante a súa primeira temporada cos Florida Gators xogou pouco máis de 10 minutos por partido, facendo unha media de tan só 3,9 puntos e 2,7 rebotes por encontro. Mellorou notabelmente no seu segundo ano, liderando ao seu equipo en puntos (14,2 por partido) e tapóns (2,4), sendo segundo en rebotes (7,1), só por detrás do seu compañeiro Al Horford. De ser case un descoñecido ao comezo da temporada, pasou a ser un xogador moi considerado en todo o país, tendo moitas opcións dunha boa posición no Draft da NBA de 2006. Porén, tras gañar o título da NCAA, anunciou, xunto aos seus compañeiros Al Horford e Corey Brewer, a súa intención de permanecer un ano máis na universidade, repetindo triunfo por segundo ano consecutivo. No torneo de 2006 Noah foi nomeado Xogador máis destacado. O 3 de abril de 2006 liderou aos Gators na vitoria na final ante os UCLA Bruins por 73-57, conseguindo 16 puntos, 9 rebotes e o récord de tapóns nunha final con 6.
Foi elixido na novena posición do Draft da NBA de 2007 por Chicago Bulls, sendo a primeira vez na historia do draft que un trío de xogadores procedentes da mesma universidade (Noah, Horford e Brewer) logran colocarse entre as 9 primeiras posicións do mesmo. O 6 de novembro debuta na liga saíndo desde o banco, despois de terse perdido os tres primeiros partidos da temporada por mor dunha lesión no nocello. O seu primeiro ano non foi moi destacado, mais o seu decoro xa comezara a gustar aos seareiros de Chicago.
A súa segunda temporada na NBA non empezou demasiado ben. Tras un verán difícil no que se viu envolvido en asuntos de alcol e drogas, Noah non chegou nun bo momento, realizando unha primeira parte da temporada pésima. Tanto que Aaron Gray chegou a quitarlle o posto de pivote titular, até que o Noah combativo dos seus anos de universidade e a súa primeira temporada na liga rexurdiu e fíxose de novo co posto de 5 titular. Terminou a temporada regular a gran nivel e chegou co seu equipo na primeira rolda dos playoffs da Conferencia Leste, onde esperaban os vixentes campións: Boston Celtics. Alí terminou de estoupar e foi unha das claves duns Bulls que forzarían o sétimo partido, aínda que acabaron perdendo nunha eliminatoria de gran nivel. Con todo, foi no sexto partido onde Noah se amosou decisivo de verdade: co marcador 123-123, na terceira prórroga, roubou un balón a Paul Pierce e percorreu o campo para acabar cun mate que se converteu nun 2+1 e que ademais significou a sexta falta do xogador dos Celtics. Os Bulls gañarían ese partido por 128-127.
O 21 de abril de 2014, Noah foi nomeado Mellor Defensor da NBA.[1] É o segundo xogador dos Chicago Bulls en gañar este premio, despois de que Michael Jordan o gañase na temporada 1987-88. O 4 de xuño de 2014, Noah foi nomeado no Mellor Quinteto da NBA de 2014.