Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1370 (Gregoriano) Liexa, Bélxica |
Morte | 1412 (41/42 anos) Padua, Italia |
Actividade | |
Ocupación | compositor, teórico da música |
Xénero artístico | Ars nova e Ars subtilior |
Movemento | Música medieval (pt) |
Johannes Ciconia (tamén coñecido como Iohannes Ciconia), nado na cidade belga de Liexa arredor de 1370 e finado na vila italiana de Padua entre o 10 de xuño e o 12 de xullo de 1412), foi un teórico da música e compositor belga de finais da Idade Media pertencente á escola francoflamenga que traballou a maior parte da súa vida en Italia.[1]
O pai de Ciconia era un sacerdote e tamén músico chamado igualmente Johannes Ciconia, e a súa nai unha muller de alta posición social. A coincidencia do nome co do seu pai, así como dalgún outro dato das súas biografías, pode ser a orixe da incerteza sobre a súa data exacta de nacemento. Ademais este compositor tiña o mesmo nome que polo menos outros tres homes na zona de Liexa, o cal xerou confusión acerca da súa biografía. Johannes Ciconia, o pai do compositor, traballou en 1350 en Avignon como empregado da esposa do sobriño do papa Clemente VI. En 1358 este Johannes Ciconia pai estableceuse en Italia, traballando en Padua. Durante a súa estadía en Italia, viaxou moito como adxunto do cardeal Gil Álvarez de Albornoz e entrou en contacto con todos os estilos musicais locais, que logo incorporou ás súas composicións. En 1372 regresou a Liexa, onde permaneceu durante un tempo descoñecido e onde formou unha familia, malia non chegar a casar.
Un segundo músico co nome de Johannes Ciconia aparece nos rexistros de Liexa en 1385 como un duodenus, unha persoa de pouca idade e, xa que logo, é máis probable que se trate do propio compositor. Os rexistros papais indican que este Ciconia estaba ao servizo de Bonifacio IX en Roma en 1391.
Descoñécese o seu paradoiro entre principios dos anos 1390 e 1401. Desde este momento ata a súa morte en 1412, mantívose conectado coa catedral de Padua, aínda que non está claro se chegou a Padua antes de 1401. O seu lamento, Con lagrime bagnadome, que escribiu pola morte de Francesco de Carrara, descríbese nunha das fontes; si este se refire a Francesco il Nuovo, entón a data sería posterior a 1406, pero se foi escrito pola morte de Francesco il Vecchio, daquela situaríao en Padua en 1393. Esta segunda opción é a que os estudosos asumiron, dando unha proba máis da súa estadía en Italia nese momento.
A posibilidade dunha estadía intermedia en Pavia tamén foi suxerido por Nadas e Ziino, por mor de que aí é onde se tería formado a súa conexión coa Casa de Visconti e tamén os coñecementos adquiridos sobre a Ars subtilior e sobre as composicións de Philippus de Caserta, que cita na súa peza Sus un fontayne[2]. En todo caso, enténdese que desde 1401 permaneceu en Padua ata a súa morte.
Crese que todas as obras deste compositor son posteriores a 1390. A produción musical de Ciconia abrangue varios estilos. A música típica do norte de Italia, como o seu madrigal Una panthera, combínase con outras pezas escritas no estilo da Ars nova francesa. E na súa obra Sus fontayne apréciase o estilo máis complexo da Ars subtilior.
Aínda que o seu estilo musical segue a ser medieval tardío, a súa escrita apunta cada vez máis cara aos patróns melódicos renacentistas. Unha mostra diso é o seu arranxo da peza O rosa bella.
Escribiu tanto música profana (virelais franceses, baladas italianas e madrigais) como música sacra (motetes e movementos de misas, algúns deles isorrítmicos).
|
|
Así mesmo, Ciconia foi o autor de dous tratados sobre música: Nova Musica e De proportionibus (que afonda sobre algunhas ideas expostas en Nova Musica). As súas ideas teóricas derivan da tradición máis conservadora de Marchetto de Padua e poden ser contrastadas coas do seu contemporáneo paduano Prosdocimus de Beldemandis.[3]
Segue a ser posible que algunhas obras deste autor permanezan no anonimato ou sexan atribuídas erroneamente a outros compositores.