John Antonio Briceño, nado en Orange Walk Town, Honduras Británica, o 17 de xullo de 1960, é un político belizense, actual primeiro ministro de Belize desde 2020. É ademais o líder do Partido Popular Unido (PUP) desde 2016. Foi líder da oposición de 2008 a 2011 e de 2016 a 2020. De 1998 a 2007, foi viceprimeiro ministro durante o goberno de Said Musa.
Naceu o o 17 de xullo de 1960 en Orange Walk Town, na entón Honduras Británica.[1] O seu pai, Elijio Briceño, foi ministro do goberno na década de 1980, pero en 1985 foi condenado por tentar introducir marihuana e cocaína nos Estados Unidos, en colaboración cun irmán e un sobriño.[2]
Graduouse no Muffles College en 1978.[3] Obtivo un grao de asociado en administración de empresas no St. John's College en 1980, e un título de grao en administración de empresas da Universidade de Texas en Austin en 1985.[1] En 1990, Johnny Briceño e o seu irmán Jaime fundaron Centaur Communications,[4] un provedor de televisión por cable que máis tarde se expandiu como servizo de Internet, noticias e radio.[5]
En 1993 foi elixido por primeira vez para a Cámara de Representantes de Belize, representando o distrito electoral de Orange Walk Central. En 1994 gañou as eleccións da alcaldía do concello de Orange Walk Town.[1] Tamén en 1994 foi elixido copresidente do Partido Popular Unido,[1] e dous anos máis tarde pasou a ocupar o cargo de vicelíder do partido.[6] Cando o PUP gañou as eleccións xerais de 1998, Briceño foi nomeado viceprimeiro ministro do goberno de Belize e Ministro de Recursos Naturais e Medio Ambiente.[1]
En agosto de 2004 dirixiu un grupo de ministros, coñecido como a alianza do G-7, que demandou unha serie de reformas, entre elas a destitución de Ralph Fonseca do goberno. O primeiro ministro, Said Musa, non atendeu a estas demandas e o grupo dimitiu. Con todo, Musa acabou aceptando posteriormente todas as demandas agás a destitución de Fonseca e os ministros do G-7 permaneceron no Consello de Ministros.[7] Briceño gañou ademais unha carteira adicional, o Ministerio de Facenda.[1] Máis tarde foi un dos ministros que se opuxo á proposta de Musa de saldar a débeda dos Servizos Universais de Saúde do país. Como resultado disto, Musa intentou retirar a Briceño do seu cargo de vicepresidente do goberno, ofrecéndolle outros postos menores no goberno. Briceño non aceptou, e acabou por dimitir o 5 de xuño de 2007.[7]
Nunha convención nacional do PUP en xullo de 2007, Briceño foi reelixido como un dos vicedirixentes do partido.[8] Nas eleccións xerais de febreiro de 2008, nas que o PUP foi derrotado, Briceño foi reelixido na súa circunscrición de Orange Walk Central, sendo un dos únicos seis candidatos do PUP que o lograron.[9]
O 30 de marzo de 2008 foi elixido líder do PUP nunha convención do partido en Belmopán, sucedendo a Musa. Derrotou a Francis Fonseca, que era considerado o candidato preferido pola dirección do partido, recibindo 330 votos fronte a 310 de Fonseca.[10]
Alegando problemas de saúde, dimitiu inesperadamente como líder do PUP e da oposición en outubro de 2011, sen ter liderado o partido nunhas eleccións xerais. Con todo, mantivo o seu escano na Asemblea Nacional.[11] Foi sucedido en ambos cargos por Francis Fonseca.[12]
En marzo de 2015, pouco despois da derrota do PUP nas eleccións municipais, fíxose pública unha gravación de Briceño criticando duramente o goberno de Musa do período 1998-2008. Na gravación, Briceño acusaba a Musa e Ralph Fonseca de ter roubado "millóns, decenas de millóns de dólares" e afirmando que se o país fose outro, estarían no cárcere. Tamén se lle oía dicir que se tiña endebedado persoalmente como líder do PUP en nome do partido, e culpaba a Francis Fonseca de perder as eleccións xerais e locais de 2012. Briceño afirmou que a gravación se realizou sen o seu consentimento e rexeitou comentala. Francis Fonseca cualificou o suceso como un "asunto interno do partido".[13]
En 2016 foi elixido líder do partido por segunda vez.
O 11 de novembro de 2020, o Partido Popular Unido gañou as eleccións xerais, derrotando ao Partido Democrático Unido liderado por Patrick Faber. Briceño asumiu o cargo de primeiro ministro de Belize o 12 de novembro de 2020. Converteuse así no primeiro primeiro ministro que non é natural da Cidade de Belize.[14]
En xullo de 2021, o seu goberno aprobou unha lexislación que establece un mandato fixo de sete anos para o gobernador xeral de Belize. Durante o debate do proxecto de lei, afirmou que Belize debería comezar a considerar a substitución da monarquía por unha república.[15]
Casou con Rossana,[16] coa que tivo tres fillos.[1]