![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de maio de 1863 ![]() Maryland, Estados Unidos de América ![]() |
Morte | 19 de decembro de 1955 ![]() Portland, Estados Unidos de América ![]() |
Lugar de sepultura | Cemiterio Nacional de Arlington ![]() |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América ![]() |
Actividade | |
Ocupación | exploradora , escritora ![]() |
Lingua | Lingua inglesa ![]() |
Familia![]() | |
Cónxuxe | Robert Peary |
Fillos | Marie Ahnighito Peary (pt) ![]() ![]() ![]() |
![]() ![]() ![]() |
Josephine Cecilia Diebitsch Peary, nada en Maryland o 22 de maio de 1863 e finada en Portland o 19 de decembro de 1955, foi unha autora e exploradora estadounidense. Foi a primeira muller en realizar unha expedición ao Ártico.[1] Descubriu que Groenlandia era unha illa e non unha península como se pensaba até entón.[2]
Naceu en Maryland (Estados Unidos de América), o 22 de maio de 1863. Era filla do militar prusiano Hermann Henry Diebitsch e Magdalena Augusta Schmid. Vivía cos seus pais nunha pequena granxa familiar en Maryland, ata que esta foi destruída durante a Guerra civil estadounidense, polo que a familia tivo que trasladarse ao Estado de Washington. Josephine creceu e criouse xunto cos seus irmáns máis novos, Emil Diebitsch e Marie Diebitsch.[3] Josephine Diebitsch estudou na Spencerian Business College, unha escola de negocios, onde se graduó como a mellor estudante en 1880. Tras isto, Josephine Diebitsch obtivo un posto de copista e secretaria no Departamento do Interior dos Estados Unidos, e na Smithsonian Institute, onde o seu pai exercía como profesor. Un dos seus traballos máis coñecidos é My Arctic Journal (1893), obra que escribiu durante a súa expedición ao ártico (1891-1892). Este traballo deulle ao mundo unha imaxe real da cultura inuit e da xeografía ártica.[4] Josephine Peary non foi unha simple acompañante do seu marido, Robert Peary, nas expedicións a Groenlandia. Foi unha parte activa e participativa nas viaxes, realizando traballo de documentación, caza e cociña, e demostrando así a súa valía.[5] Despois da morte do seu marido, Josephine Diebitsch estabeleceuse en Portland en 1932. Todo o tempo que Josephine Peary viviu tras a morte de Robert Peary non deixou de defender a súa fazaña de alcanzar o Polo Norte, que foi cuestionada por moitos.[6] Josephine Peary faleceu o 19 de decembro de 1955, aos 92 anos. Os seus restos repousan xunto ao seu marido no Cemiterio de Arlington.[7] Estreouse unha película que conta a súa vida. Esta película leva o título de “Nadie quiere la noche”, dirixida por Isabel Coixet, e con Juliette Binoche no papel de Josephine Diebitsch.[8]
O seu matrimonio con Robert Peary foi bastante frutífero, xa que puido acompañar a este a varias das súas expedicións ao norte. Tivo que superar a falta de confianza dalgúns compañeiros de Robert, que non vían con bos ollos que unha muller os acompañase até aqueles lugares tan complicados. Con todo, pronto se gañaría a súa confianza ao mostrar as súas habilidades para a caza e a cociña.[9] A primeira viaxe que realizou Josephine foi a Groenlandia en 1891, acompañada do seu marido. Algo histórico, posto que se converteu na primeira muller en realizar unha expedición ao ártico.[10] A expedición invernou en McCormick bay, aproximadamente a medio camiño entre o Círculo polar ártico e o Polo norte.[11] As vivencias que Josephine tivo nesta expedición foron as que a animaron para publicar a súa primeira obra My Arctic Journal. Trátase dunha obra singular, xa que a maioría de narrativas sobre o Ártico destacan o seu carácter inhóspito. Con todo, na obra de Josephine Diebtisch podemos apreciar outro ton, presente en fragmentos como este: “…De as paredes falaren contarían algunhas das horas moi agradábeis de estancia alí dos membros da Expedición do Norte de Groenlandia de 1891 a 1892, e de moitos meses de sólido consolo real e a felicidade que goza a muller que, cando deixa casa e amigos, é advertida para que se prepare para soportar todo tipo de penurias…” Durante a publicación do seu libro en 1893, Josephine Diebitsch atopábase outra vez no Ártico, a pesar de estar embarazada. De feito, deu a luz durante a expedición a Marie Ahnighito Peary, a trinta graos baixo cero, un curioso caso que a prensa do momento bautizou como “o bebé das neves”. Nome co que titularía o seu segundo libro Snow baby (1901).[12] En 1897 realizou unha nova expedición ao Ártico, esta vez para convivir cos inuit e aprender o seu modo de vida nestas terras. Co cambio de século, Josephine Diebitsch decidiu embarcarse nunha nova expedición, esta vez para socorrer o seu marido, que sufrira a amputación de oito dedos dos seus pés por conxelación. Con todo, o Windmard, barco onde viaxaba, sufriu un accidente cun iceberg, polo que tivo que pasar o inverno en Ellesmere. Alí recibiu unha dura noticia, xa que se decatou de que o seu marido mantiña relacións cunha muller inuit, tendo mesmo dous fillos con ela. Isto supuxo un duro golpe para Josephine Diebitsch, a cal, a pesar de todo, non decidiu abandonar a Robert, e conviviu con Allaka, a nova esposa inuit do explorador.[13]
En 1955, a National Geographic Society outorgáballe a Josephine Diebitsch a Medalla ao Logro pola súa implicación incondicional ao mundo das expedicións árticas.