Juergen Elitim | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Juergen Farid Elitim Sepúlveda | ||
Nacemento | 13 de xullo de 1999 | ||
Lugar de nacemento | Cartaxena de Indias | ||
Altura | 1,69 m. | ||
Posición | Centrocampista | ||
Información de club | |||
Club actual | Legia Warszawa | ||
Número | 22 | ||
Carreira xuvenil | |||
Nuevo Milenio | |||
2011–2014 | Cyclones Cali | ||
2014–2017 | Itagüí Leones | ||
2017–2018 | Granada | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2016 | Itagüí Leones | 2 | (0) |
2018–2019 | Granada B | 0 | (0) |
2018–2019 | → Marbella (cedido) | 33 | (2) |
2019–2023 | Watford | 0 | (0) |
2019–2020 | → Marbella (cedido) | 21 | (1) |
2020–2021 | → Ponferradina (cedido) | 41 | (0) |
2021–2022 | → Deportivo da Coruña (cedido) | 36 | (1) |
2022–2023 | → Racing de Santander (cedido) | 0 | (0) |
2023– | Legia Warszawa | 10 | (1) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 12 de outubro de 2023. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Juergen Farid Elitim Sepúlveda, nado en Cartaxena de Indias o 13 de xullo de 1999, é un futbolista colombiano que xoga de centrocampista no Legia Warszawa, da Ekstraklasa de Polonia.
Nado en Cartaxena de Indias, seu pai, un apaixonado do fútbol, púxolle o nome de Juergen polo futbolista alemán Jürgen Klinsmann.[1] Comezou xogando no Nuevo Milenio da súa cidade natal, pasando en 2011 ao Cyclones de Cali. Tres anos despois fichou polo Leones FC, da cidade antioqueña de Itagüí, co que debutou na Primeira División de Colombia con 17 anos.[2]
A súa progresión permitiulle dar o salto a Europa, uníndose en 2017 ao equipo xuvenil do Granada.[2] Na tempada 2018/19 xogou cedido no Marbella, onde disputou 33 partidos da liga de Segunda División B e un da Copa do Rei, marcando dous goles.[3]
En 2019 o Watford fíxose cos seus dereitos e na tempada 2019/20 xogou de novo cedido no Marbella,[4] co que actuou en 21 partidos de liga, un da promoción de ascenso e dous da Copa do Rei, marcando un gol.
Na seguinte campaña saíu cedido á Ponferradina da Segunda División.[5] Debutou na segunda xornada contra o Albacete no Carlos Belmonte e disputou un total de 41 partidos de liga, 17 deles como titular, nunha tempada na que o equipo adestrado por Bolo acadou a oitava praza.
En xullo de 2021 anunciouse que o futbolista xogaría cedido unha cuarta tempada consecutiva, esta vez no Deportivo da Coruña, na nova Primeira División RFEF.[6] Debutou co club galego o 29 de agosto de 2021, no primeiro encontro da tempada 2021/22 da Primeira División RFEF contra o Celta B en Riazor, que acabou con goleada coruñesa por 5-0.[7] Tivo unha destacada actuación en dito partido, repartindo dúas asistencias nos goles de Miku e Quiles, e foi elixido mellor xogador do encontro.[8][9]
Continuou a un alto nivel durante o resto da competición e foi titular en tódolos encontros de liga agás dous, sendo o xogador máis destacado do Deportivo durante a tempada.[10][11][12] Na final da promoción de ascenso contra o Albacete, un preciso pase seu foi rematado á portería por Mario Soriano para facer o gol co que o Deportivo se adiantou no marcador, pero o Albacete acabou remontando e deixando ao equipo coruñés sen ascenso.[13] Pechou o seu paso polo club galego con 36 partidos, 1 gol e 13 asistencias.[12]
En xullo de 2022 anunciouse unha nova cesión do xogador, que regresou á Segunda División para xogar no Racing de Santander, que viña de ascender.[14] Disputou 29 partidos co club cántabro, 22 deles como titular, e logrou dous goles.
En xuño de 2023 foi traspasado ao Legia Warszawa, equipo da Ekstraklasa de Polonia.[15]