Biografía | |
---|---|
Nacemento | 19 de maio de 1876 Lagos (Reino de Portugal) |
Morte | 25 de maio de 1962 (86 anos) Lisboa, Portugal |
Ministro de Relacións Exteriores | |
Procurador da Câmara Corporativa (pt) | |
Datos persoais | |
Educación | Colégio Militar |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, médico, poeta, escritor, político |
Membro de | |
Premios | |
Júlio Dantas Lagos, nado o 19 de maio de 1876 e finado en Lisboa o 25 de maio de 1962, foi un escritor, xornalista, diplomático e político portugués.
Na súa actividade intelectual foi un polígrafo, cultivando os máis variados xéneros literarios, da poesía á novela e ao xornalismo, mais foi como dramaturgo que ficou máis coñecido, en particular pola súa peza A Ceia dos Cardeais (1902), unha das máis populares producións teatrais portuguesas de sempre. Na política foi deputado, Ministro da Instrución Pública e Ministro dos Negocios Estranxeiros (1921-1922 e 1923), terminando a súa carreira pública como embaixador de Portugal no Brasil (1941-1949).[1] Considerado retrógrado por algúns intelectuais da época, como foi o caso de Almada Negreiros, que escribiu o Manifesto Anti-Dantas, moi polémico, conseguiu granjear durante a vida grande prestixio social e literario, prestixio que decaeu tras a súa morte. Foi elixido socio da Academia de Ciencias de Lisboa (1908), institución a que presidiu a partir de 1922.
Fillo de Casimiro Augusto Vanez Dantas, militar, escritor e xornalista, e da súa muller Maria Augusta Pereira de Eça, estudou no Colexio Militar, en Lisboa, sendo admitido co número 114 en 1887, inscribíndose seguidamente no curso de Medicina da Escola Médico-Cirúrgica de Lisboa, que concluíu en 1900 cunha tese titulada Pintores e poetas de Rilhafoles.[2] Pouco despois ingresou no Exército Portugués, sendo oficial médico a partir de 1902.
A carreira de medicina militar, onde optou por unha práctica no campo de psiquiatría, non o absorbeu: dedicouse simultaneamente á literatura e a unha intensa actividade intelectual e social, que o tornou coñecido nos medios políticos e nos círculos cultos de Lisboa. En 1905 foi elixido deputado ás Cortes.
Na literatura revelouse un grande polígrafo, dedicándose aos máis variados xéneros literarios, desde a poesía, o teatro, o conto, a novela e a crónica até ao ensaio. Alcanzou grandes éxitos coas súas pezas teatrais, con obras como A Severa, A Ceia dos Cardeais (obra que foi traducida para máis de 20 linguas), Rosas de Todo o Ano e O Reposteiro Verde.
Publicou o seu primeiro artigo en 1893 no xornal Novidades, e o seu primeiro libro de versos en 1897. A maior parte das súas obras de teatro e novelas son sobre o pasado histórico, mais as súas mellores obras, Paço de Veiros (1903) ou O Reposteiro Verde (1921) están escritas nun estilo naturalista.
Nas súas obras defende o culto do heroísmo, da elegancia e do amor, situando a trama das súas obras case invariabelmente no século XVIII, época que escollía case sempre como escenario das súas producións, salientando a decadencia da vida aristocrática da época. Nas súas obras é tamén común encontrar a exaltación do efémero, da morte e do sentimentalismo máis punxente. A súa obra poética está claramente inspirada na lírica palaciana do Cancioneiro Xeral de Garcia de Resende.
Desde o punto de vista estilístico, a súa obra sitúase entre o romanticismo e o parnasianismo, predominando nas obras de teatro e nas novelas os temas históricos. Con todo, as mellores obras de Júlio Dantas, sobre todo Paço de Veiros (1903) e o O Reposteiro Verde (1921) teñen unha clara inclinación cara ao naturalismo. Foi durante décadas un dos autores portugueses máis apreciados no estranxeiro.
A primeira produción dunha das súas pezas ocorreu en 1899, no Teatro Dona Amélia (actual Teatro San Luiz) de Lisboa, coa presentación da peza en catro actos O que morreu de amor, pola Compañía Rosas. Aínda no campo teatral dedicouse á tradución, publicando versións en lingua portuguesa de Cyrano de Bregerac, de Edmond Rostand, e do Rei Lear, de William Shakespeare. Eximio tradutor, as súas traducións cóntanse entre as mellores feitas para a lingua portuguesa.
A Ceia dos Cardeais (1902) foi enormemente popular o seu tempo. Con base na súa obra teatral A Severa, José Leitão de Barros realizou o primeiro filme sonoro portugués en 1931. A súa peza Os Crucificados aborda, por primeira vez no teatro portugués, a temática da homosexualidade.
Foi socio correspondente da Academia das Ciencias de Lisboa a partir de 1908 e socio efectivo desde 1913. Por varias veces foi escollido para presidente da institución. En 1949 recibiu o título de Doutor Honoris Causa pola Universidade do Brasil, título que en 1954 tamén lle foi atribuído pola Universidade de Coímbra.
Aceptou tamén unha carreira no ensino artístico e foi director do Conservatório Nacional de Lisboa, sendo alí profesor de Historia da Literatura e director da Sección de Arte Dramática.
O 14 de febreiro de 1920 foi feito Grande-Oficial da Antiga, Nobilíssima e Esclarecida Orde Militar de Sant'Iago da Espada, do Mérito Científico, Literario e Artístico.
Foi Ministro da Instrución Pública no outono de 1920, no goberno presidido por António Granjo, e Ministro dos Negocios Estranxeiros no goberno de Cunha Leal, no inverno de 1921-1922, e novamente en 1923 no goberno de Ginestal Machado.
O 14 de febreiro de 1930 foi agraciado coa Grã-Cruz da Orde Militar de Noso Señor Jesus Cristo e a 21 de marzo do mesmo ano foi elevado a Grã-Cruz da Antiga, Nobilíssima e Esclarecida Orde Militar de Sant'Iago da Espada, do Mérito Científico, Literario e Artístico.
En 1938-1940 presidiu á Comisión Executiva dos Centenarios, dirixindo a Exposición do Mundo Portugués que tivo lugar en Lisboa e colaborou na Revista dos Centenários,[3] órgano de propaganda da mesma.
En 1941 foi un dos Embaixadores Especiais enviados ao Brasil para dignificar a cultura de Portugal e en 1949 foi nomeado embaixador de Portugal no Río de Xaneiro.[4] Nesas funcións tivo papel destacado na elaboración dun acordo ortográfico co Brasil.
Foi considerado retrógrado por algúns, como foi o caso de Almada Negreiros, que lle dedicou o Manifesto Anti-Dantas. O feito de ser atacado por aquel manifesto e se ter transformado nun dos albos dos mozos seguidores do modernismo comproba a súa notoriedade de home público. A pesar diso, pasada a proba do tempo e amainadas as paixóns, Vitorino Nemésio e David Mourão Ferreira defenderon a súa calidade literaria e a súa invulgar mestría dramatúrxica, considerándoo merecedor de lugar destacado nas letras portuguesas.
No xornalismo e na crítica literaria, foi colaborador dos xornais máis importantes de Portugal, sobre todo do Diário Ilustrado, Novidades, Correio da Manhã e Renascença e escribiu no Correio da Manhã, do Rio de Janeiro, e no La Nación, de Buenos Aires.[5]
Na area da prensa, tamén se encontra colaboración da súa autoría nas revistas Branco e Negro (1896-1898), Serões (1901-1911), Revista do Conservatório Real de Lisboa (1902), Illustração portugueza (1903-1980), Azulejos (1907-1909), O Palco (1912), Atlântida (1915-1920), Terra portuguesa (1916-1927), Revista de turismo iniciada en 1916, O domingo ilustrado (1925-1927), Ilustração (1926-), Feira da Ladra (1929-1943), Anais das bibliotecas, arquivo e museus municipais (1931-1936), Boletim cultural e estatístico (1937), Revista municipal (1939-1973) e Boletim do Sindicato Nacional dos Jornalistas (1941-1945).
Na política foi considerado oportunista, mostrando realmente unha grande versatilidade, servido como deputado na Monarquía, como ministro na Primeira República e finalmente como deputado, presidente da Comisión dos Centenarios e embaixador en pleno Estado Novo. Baixo a súa plasticidade política, Fernando Dacosta afirmou: "para se aproximar do Paço e da Raíña escribe a "Ceia dos Cardeais". Non recibindo os cargos e as honras a que xulgaba ter dereito, aprovéitase da crise do réxime monárquico e fai "UUm Serão nas Laranjeiras, denuncia da decomposición da corte. Mais non se afasta dela." Cando foi proclamada a República, Júlio Dantas adheriuse ao réxime e publicou, no diario A Capital, o folhetim "Cruz de Sangue", despois en libro co título Pátria Portuguesa (1914), facendo a exaltación do pobo e a condena da nobreza. En 1911, desencadeado o conflito entre a Igrexa Católica e o Estado Portugués por causa da Lei da Separación de Afonso Costa, publica a peza A Santa Inquisição (1910), un libelo contra a Inquisición. Co advento do salazarismo, publicou Frei António das Chagas, un "eloxio de quen se sacrifica, se inmola pola Patria".[6] Rematada a segunda guerra mundial, prevendo a caída do Estado Novo, reformulou, introduciu, en 1946, na Antígona, peza de estrea de Mariana Rey Monteiro, unha crítica velada ao vello ditador por medio da personaxe de Creonte.[7]
Foi un dos fundadores da Sociedade de Escritores e Compositores Teatrais Portugueses, a SECTP, da que foi o primeiro presidente. Aquela sociedade deu orixe á Sociedade Portuguesa de Autores (SPA).
Contrariando o estereotipo de conservadorismo ligado á súa imaxe pública, quebrou coa tradición e resistiu á presión social da época: casou civilmente, a 30 de maio de 1942, con Maria Isabel Penedo Cardoso e Silva, da cal non tivo descendencia, e rexeitou un funeral católico, manténdose fiel ás súas conviccións anticlericais dos inicios do século XX.
Júlio Dantas é lembrado na súa cidade natal, Lagos, por un busto, localizado en Santo Amaro, na área envolvente ao Mercado Novo, dando tamén o nome á biblioteca pública da cidade. É tamén patrón da Escola Secundaria Júlio Dantas, a principal escola pública de ensino secundario daquela cidade.
Este orixinal de Júlio Dantas foi encomendado polo Vizconde S. Luiz Braga e escrito a propósito para a festa artística de João Rosa, tendo, posteriormente, coñecido grande éxito con máis de 50 edicións en portugués e varias traducións noutras linguas. Foi, tamén, representado un pouco por toda a Europa, ben como na América do Sur. A peza nun acto, escrita en verso alexandrino, está composta, esencialmente, por tres grandes monólogos proferidos por tres cardeais, un portugués, un francés e un español, que, nunha luxosa sala do Vaticano setecentista, saborean unha riquísima cea e recordan os seus amores de mocidade.[8]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Júlio Dantas |