Kappa-bungarotoxina | |
---|---|
![]() | |
Estrutura tridimensional da α-bungarotoxina, coas pontes disulfuro salientadas, procedente de PDB 1KBA.[1] | |
Identificadores | |
Organismo | |
Símbolo | N/A |
UniProt | P01398 |
Outros datos |
A kappa-bungarotoxina (que se adoita abreviar como κ-Bgt; tamén chamada historicamente toxina F)[2] é unhA neurotoxina proteica da familia da bungarotoxina que se encontra no veleno da serpe Bungarus multicinctus. A kappa-bungarotoxina é un antagonista de alta afinidade dos receptores de acetilcolina nicotínicos, especialmente de CHRNA3; causa un bloqueo postsináptico da neurotransmisión. Aínda que existe unha variabilidade significativa nos efectos clínicos das trabadas de serpe, a parálise neuromuscular e a insuficiencia respiratoria están asociadas coa trabada das serpes do xénero Bungarus.[3]
A kappa-bungarotoxina foi descuberta en 1983 como compoñente do veleno da serpe Bungarus multicinctus, que difería en efectos biolóxicos da previamente coñecida alfa-bungarotoxina: a kappa, pero non a alfa, podía impedir a sinalización nicotínica no ganglio ciliar da galiña.[4] Esta bungarotoxina foi designada "kappa" en alusión á palabra latina kiliaris ("do ollo"), e á raíz de "ciliary".[4] As toxinas identificadas separadamente que foron denominadas "toxina F" e "bungarotoxina 3.1" foron despois identificadas por secuenciación de proteínas como idénticas á kappa-bungarotoxina.[2]
A kappa-bungarotoxina únese aos receptores de acetilcolina nicotínicos dos ganglios do sistema nervioso autónomo, predominantemente á subunidade alfa 3 do receptor nicotinico (CHRNA3) e en menor medida á alfa 4. Identificáronse dúas superficies de unión distintas, ambas na cara extracelular N-terminal da subunidade receptora.[5]
A kappa-bungarotoxina é un antagonista de receptor, o que significa que bloquea a resposta normal do receptor da acetilcolina, o cal inhibe a neurotransmisión e, por tanto, causa parálise neuromuscular. Igual que a alfa-bungarotoxina, a kappa-bungarotoxin causa un bloqueo postsináptico de sinalización; isto está en contraste coa beta-bungarotoxina, que induce un bloqueo presináptico.[3] A distinción entre os efectos das formas alfa e a kappa foi primeiro identificada funcionalmente como diferenzas nos efectos sobre estruturas neurais específicas.[4][6] A base desta diferenza funcional foi caracterizada molecularmente como diferenzas na especificidade no subtipo de receptor; os receptores pentaméricos son ensamblados con diferentes distribucións de subunidades nas neuronas e nos músculos.[5]
A kappa-bungarotoxina é un polipéptido de 66 aminoácidos e prégase nunha estrutura de folla beta antiparalela estabilizada por cinco pontes disulfuro conservadas, unha característica estrutural compartida por moitas toxinas peptídicas. A diferenza doutros membros da familia das bungarotoxinas, a kappa é un dímero.[1]