Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Canadá | |||
Provincia | Quebec | |||
Rexión | Côte-Nord (pt) | |||
Concello rexional | Caniapiscau (pt) | |||
Poboación | ||||
Poboación | 641 (2021) (19,21 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 33,37 km² | |||
Comparte fronteira con | ||||
Creación | 1981 | |||
Sitio web | nametauinnu.ca |
Kawawachikamach (en naskapi ᑲᐛᐛᒋᑲᒪᒡ Kawâwâchikamach) é unha entidade naskapi situada no sur do lago Matemace, a aproximadamente 15 quilómetros o nordés de Schefferville no Quebec [1]. Como a maioría das entidades autóctonas do Quebec, Eastmain, componse dun territorio reservado de categoría IA, onde se atopa a contorna urbanizada onde viven os membros da nación naskapi de Kawawachikamach e que é de xurisdición federal, e mais dun municipio vilego naskapi de categoría IB, deshabitado e de xurisdición provincial. Administrativamente, dentro do Quebec, intégrase na rexión de Côte-Nord.
O territorio reservado de Kawawachikamach sitúase ao sur do paralelo 55 e constitúe un enclave dentro do territorio non organizado de Lac-Vacher e malia localizarse xeograficamente dentro da municipalidade rexional de condado de Caniapiscau non forma parte dela. Pola contra, a municipalidade vilega naskapi está o norte do paralelo 55 e está dentro do territorio de Kativik.
Kawawachikamach significa en naskapi "río sinuoso que vira en gran lago" [2]
Os naskapi de Kawawachikamach vivían tradicionalmente no norte do Quebec, pero logo de varios desprazamamentos en 1956 trasladáronse de Fort Chimo a Schefferville. Funcionarios do goberno puideron inducir ou ordenar este movemento pero nada fixeron para preparar a súa chegada a Schefferville. Os naskapi establéceronse preto do aeroporto en choupanas construídas con materiais residuais. As autoridades municipais traladáronos a Lac-John, e alí viviron en condicións de pobreza, sen auga, sumidoiros, electricidade, escolas nin atención médica. En 1968 formouse a reserva de Matimekosh e para alí foron os naskapi en 1972 canda os innu[3].
Na década de 1970 os naskapi principian as negociacións para lograr o seu propio asentamento. En 1978 renunciaron a calquera dereito ou interese á reserva Matimekosh como requisito para un acordo co Quebec que recoñecía a formación da súa propia reserva e en 1981 o goberno do Quebec transferiu 41.44 km2 de terra ao goberno do Canadá para beneficio exclusivo dos naskapi. En 1983 os primeiros residentes asentaron na vila, especificamente adaptada á contorna[2][3][4].
Kawawachikamach está administrado por un consello de banda dirixido polo xefe Noah Swappie dende 1999 [5]. Anteriormente, a Nación Naskapi de Kawawachikamach era coñecida como a Banda Naskapi de Quebec ou os Naskapi de Schefferville. A nación — representada no seo da administración rexional de Kativik polo xefe de banda, que é de facto alcalde da municipalidade vilega naskapi- dispón dun «territorio exclusivo de caza, pesca e captura» cunha superficie de 4 144 km2[6] .
Ano | 1991 | 1996 | 2001 | 2006 | 2011 | 2016 | 2021 |
---|---|---|---|---|---|---|---|
Poboación | 405 | 487 | 540 | 569 | 586 | 601 | 641 |
Segundo o censo de 2016[7] o naskapi é a lingua materna de 490 habitantes da localidade e a segunda lingua é o inglés con 50 falantes. O innu é a lingua materna de 25 persoas e o francés de 5. Ademais outras 5 persoas afirman que a súa lingua materna é o francés e unha lingua non oficial. Por coñecemento das dúas linguas oficiais 440 persoas afirman que falan inglés como primeira lingua oficial, un total de 110 falan inglés e francés, 15 só francés e hai 40 persoas que non falan ningunha das dúas linguas oficiais. Son un total de 570 persoas os que afirman que poden falar naspaki. A maioría da poboación identifícase como indios norteamericanos, con só 15 non nativos. Hai 90 persoas que declaran que teñen algún devanceiro inuit mais só 5 persoas teñen como lingua materna algunha lingua inuit.
Os naskapi convertéronse ao cristianismo ao longo do século XX e a maioría son de confesión anglicana[8], a igrexa parroquial de San Xoán de Kawawachikamach dependende da diocese do Quebec da Igrexa Anglicana do Canadá que agrupa os anglicanos locais. O reverendo ao cargo é Silas Nabinicaboo, tamén tradutor da Corporación de Desenvolvementon Naskapi.
Segundo o censo de 2001 eran 35 os católicos da localidade[9], pero non contan con lugar de culto.