Kindertotenlieder (en galego Canción á morte dos nenos) é un ciclo de cancións composta por Gustav Mahler, baseándose no ciclo poético do mesmo título de Friedrich Rückert. A composición musical realizouse entre os anos 1900 e 1902[1]. A estrea do ciclo aconteceu no 1905 en Viena[1].
Os poemas orixinais foron escritos por Rückert trala morte dos seus dous fillos de 3 e 4 anos, no 1833. En total eran 423 poemas de carácter privado, mais vanse publicar trala morte de Rückert. Neles reflíctense os diferentes estadios psicolóxicos polos que atravesou o propio poeta: primeiro un sentimento de incredulidade. Segundo, descríbese coma o paso do tempo non diminúe a dor, senón que a aumenta debido as lembranzas xurdidas na vida cotiá. E por último a negación e a ilusión ficticia de que os fillos aínda están vivos. O ciclo remata cunha aceptación consoladora do eterno repouso dos nenos. No Posromanticismo era moi común ó culto á dor e ó loito. No caso de Mahler, ademais, entendíase a dor coma o camiño necesario para a salvación do artista.
As cancións forman un ciclo coma tal, xa que hai ligazóns musicais, motívicas, harmónicas e de carácter entre cada unha das cancións. Musicalmente aparece moi relacionada coa sexta sinfonía. Sorprende a utilización da sonoridade da celesta. Este instrumento empregouno por primeira vez o compositor Gustave Charpentier no ano 1900, na ópera Louise. Mahler dirixiu a estrea desta obra no 1905, e dende entón empregou o instrumento nos Kindertotenlieder, na sexta sinfonía e na súa obra Das Lied von der Erde.