O koban (en xaponés: 小判) era unha moeda de ouro de forma ovalada propia do Xapón feudal do período Edo, introducida cara a 1601. Inicialmente era equivalente a un ryō, outra das primitivas unidades monetarias e ponderais xaponesas.[1][2] Foi unha parte central da moeda Tokugawa.[3]
O primeiro koban, da era Keichō (1601-1695) era unha peza ovalada duns 70 mm x 40 mm que contiña o peso dun ryō de ouro (arredor de 18 gramos), polo que se lle atribuíu o valor nominal dun ryō. No entanto, as sucesivas emisións do koban tiveron cantidades variables de ouro, xeralmente decrecentes, polo que o ryō como unidade de peso do ouro e como valor nominal do koban deixaron de ser equivalentes.[2]
Antes de mediados do século XIX, a economía xaponesa baseábase en gran medida no arroz, e a unidade de medida estándar era o koku, a cantidade de arroz necesaria para alimentar unha persoa durante un ano. Os labregos pagaban os seus impostos en arroz, que acababa chegando ás arcas do Goberno central. Do mesmo xeito, o Goberno pagaba aos vasalos anualmente un koku de arroz. Porén, os portugueses que chegaron ao Xapón na década de 1550 preferían o ouro ao arroz, e o koban, que equivalía a tres koku de arroz, converteuse na unidade monetaria de conta preferida no comercio exterior.[4]
Algúns señores feudais comezaron a cuñar os seus propios koban de ouro, mais o seu valor se degradaba en ocasións con aliaxes de distinto contido de ouro. As autoridades de Edo promulgaron sucesivas reformas monetarias e de case todas elas o koban saíu un pouco máis degradado. Ademais, despois de cada reforma circulaban koban falsos, cuxo valor era lixeiramente inferior ao do koban vixente naquel momento. Na época da visita do militar estadounidense Matthew C. Perry en 1853, os comerciantes preferían os koban falsos de épocas anteriores ás novas variantes, xa que as pezas antigas fraudulentas eran máis valiosas que os koban acabados de cuñar.[4][5]
Coa Restauración Meiji de 1868, ordenouse unha nova serie de moedas baseadas nos sistemas monetarios europeos. O koban deixou de emitirse e deu paso ao sistema do ien en 1870.[6]