Kwangmyongsong, ou abreviadamente KMS, é o nome dunha serie de satélites artificiais de Corea do Norte.[1]
Baixo a denominación Kwangmyongsong agrúpase unha serie de satélites heteroxéneos con diferentes finalidades, non sempre claras. A maior parte de satélites Kwangmyongsong non chegaron a órbita debido á inexperiencia do estado norcoreano en lanzadores espaciais.[1]
Kwangmyongsong 1 ou KMS 1 foi o primeiro intento de Corea do Norte por poñer un satélite en órbita. Foi lanzado o 30 de agosto de 1998 a bordo dun Taepodong-1, pero o fallo da terceira etapa do foguete impediu que entrara en órbita. KMS 1, cunha masa estimada duns 30 kg e forma de poliedro aproximadamente esférico, estaba destinado a radiar cancións de propaganda unha vez no espazo.[2][1]
O segundo intento do país en poñer un satélite en órbita tamén fallou. KMS 2 tiña forma de caixa e levaba a bordo un sistema de comunicacións. Foi lanzado o 5 de abril de 2009 mediante un foguete Unha-2, que non conseguiu poñelo en órbita.[3][1]
Houbo dous satélites da serie Kwangmyongsong: o orixinal e o Kwangmyongsong 3-2. Tiñan unha masa de 100 kg e unhas dimensións de 1,4 x 0,6 x 0,7 m. A alimentación eléctrica era proporcionada tanto por células solars no corpo do satélite como por dous paneis solares despregables. A súa función era de observación terrestre, levando unha cámara a bordo. O primeiro KMS 3 foi lanzado o 12 de abril de 2012 mediante un foguete Unha-3, fallando. O segundo foi lanzado exitosamente cun foguete do mesmo modelo o 12 de decembro de 2012.[4][1]
Kwangmyongsong 4 era un satélite de observación terrestre duns 200 kg de masa equipado cunha cámara de televisión, forma de caixa e paneis solares. Foi lanzado o 7 de febreiro de 2016 mediante un Unha 3 e posto en órbita, pero non se detectaron transmisións desde o mesmo e aparentemente o satélite xiraba sen control.[5][1]
Misión[1][2][3][4][5] | Data de lanzamento[1][2][3][4][5] | Foguete lanzador[1][2][3][4][5] | Notas[1][2][3][4][5] |
---|---|---|---|
Kwangmyongsong 1 | 30 de agosto de 1998 | Taepodong-1 | Fallo |
Kwangmyongsong 2 | 5 de abril de 2009 | Unha 2 | Fallo |
Kwangmyongsong 3 | 12 de abril de 2012 | Unha 3 | Fallo |
Kwangmyongsong 3-2 | 12 de decembro de 2012 | Unha 3 | Éxito |
Kwangmyongsong 4 | 7 de febreiro de 2016 | Unha 3 | Fallo parcial |