O lagostino [1] (Melicerthus kerathurus, Forskål, 1775; antes Penaeus kerathurus) é un crustáceo decápodo nadador, mariño, pertencente á familia Penaeidae, da suborde Dendrobranchiata. A súa presenza en augas galegas é ocasional e recente [2].
O tamaño medio adoita ser duns 12,5 cm nos machos e 14 cm nas femias, pero poden alcanzar talles de 16 e 20 cm respectivamente. Son de cor amarela verdosa, con bandas transversais de cor parda nos segmentos abdominais.
A súa casca é consistente e remata nunha espiña patente, chamada rostro, que supera os ollos. Na marxe superior do rostro hai unha serie de 10-12 dentes, e un na parte inferior (este, en ocasións, pode faltar).
A superficie da casca presenta tres sucos lonxitudinais e catro quillas que van desde o rostro ata a marxe posterior.
As anténulas bifúrcanse en dous flaxelos curtos, de lonxitude similar, mais dúas longas antenas. Os tres primeiros pares de patas rematan nunha pequena quela [3] pero os outros dous pates fano nunha unlla.
As placas do abdome presentan unha quilla dorsal no caso dos tres últimos segmentos, e a quilla do sexto segmento remata nunha espiña. O telson [4] remata nunha forte espiña aguda, percorrida por un suco central, e ten outros tres pares de espiñas ós lados.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lagostino mediterráneo |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lagostino mediterráneo |