Lambrusco é o nome tanto dun tipo de uvas como de viño italiano feito principalmente destas uvas. As uvas como o viño son orixinarios de catro zonas da Emilia-Romaña e dunha da Lombardía, principalmente nas provincias de Modena, Parma, Reggio Emilia e Mantua. Posúe unha longa historia, pois hai evidencias arqueolóxicas que testemuñan que os etruscos xa facían este viño.[1] Na Roma Antiga, o lambrusco era ben apreciado pola súa produtividade e o seu alto rendemento. Catón deixou escrito que a produción de dous terzos dun acre podían facer tanto viño como para encher 300 ánforas.[2]
A principal característica deste viño é que é un tinto espumoso (frizzante, case cava), existindo 5 rexións de denominazione di origine controllata (DOC): Lambrusco Grasparossa di Castelvetro, Lambrusco di Sorbara, Lambrusco Salamino di Santa Croce, Lambrusco Reggiano e Lambrusco Mantovano. Durante os 1970 e os 1980, o lambrusco foi o viño máis importado nos Estados Unidos de América.[3] Neses tempo o viño foi tamén producido como branco e rosado controlando a maceración co mosto.[1]
As seis variedades fundamentais de lambrusco son: Lambrusco Grasparossa, Lambrusco Maestri, Lambrusco Marani, Lambrusco Monterrico, Lambrusco Salamino e Lambrusco Sorbara. Todas estas variedades de lambrusco son propias da Emilia ou clons ou subclons. Empárranse a unha certa altitude para evitar a mera. Historicamente as viñas poñíanse para que treparan álamos. A uva non é particularmente doce polo que moitos dos lambruscos doces son feitos ou cunha fermentación parcial ou engadíndolle uvas Ancellottas, máis doces, á mestura. Cando non é unha fermentación doce, estas uvas son capaces de producir un viño seco con tons de amorodo e un sabor lixeiramente amargo.[4]
No final do século XX, os ampelógrafo identificaron sobre 60 variedades de Lambrusco repartidas por toda Italia polo Piemonte, Sicilia e o Véneto.[1] A variedade máis cultivada é o Lambrusco Salamino.[2]
Aínda que o lambrusco tradicional era producido como viño doce, hoxe en día hai varios niveis de dozura / secura, existindo secco, amabile e dolce. O viño lambrusco doce tornouse moi popular nos 1970-1980 nos Estados Unidos. O primeiro lambrusco seco foi introducido nos Estados Unidos en 1995.[5] O viño caracterízase por unha alta acidez e sabor a amorodo. Moitos dos lambruscos agora feitos son unha mestura de uvas que se vende baixo a designación Indicazione Geografica Tipica (IGT) da Emilia.[3]
Este viño é raramente feito en estilo "champaña". É tipicamente feito empregando o proceso de Charmat cunha segunda fermentación feita nun tanque a presión.[6]