Lamer

Lamer (/ˈleɪmə/) é un termo usado no argot informático aplicado a unha persoa con falta de madurez, sociabilidade e habilidades técnicas ou intelixencia, un incompetente. No inglés é un termo coloquial usado en multitude de contextos, pero é pola proliferación da informática como chega ó noso vocabulario, sendo utilizada maioriatriamente en Internet.

Este termo provén do argot "skater" no que se denominaba lame (paralítico) a aqueles cuxas habilidades sobre a táboa eran perigosas para eles e para os demais. Isto non implica que estivesen realmente coxos, senón que tiñan poucas aptitudes. Este termo comezou a utilizarse máis comunmente para denominar a aqueles que eran "paralíticos" máis que fisicamente, intelectualmente.

Coa chegada dos boletíns electrónicos empezouse a estender o uso desta expresión para denominar ós incompetentes en chats, foros e grupos de novas, aparecendo tamén o termo oposto a lamer: elite ou leet. Deste modo lamer acabou sendo o nome estándar para aqueles cunha boca máis grande cás súas habilidades. Tipicamente isto inclúe ós que alardean de ser hackers e intentan utilizar programas de fácil manexo realizados por auténticos hackers sen obter os resultados que eles pretendían, incluso chegando a perxudicarse a eles mesmos.

Aplicándoo aos usuarios de Internet, en particular ós usuarios de IRC, Usenet, listas de correo, e outros medios de comunicación electrónica, o termo lamer terá un dos seguintes significados:

  • Aquel que di ser un entendido ou ter grandes coñecementos, sendo en realidade un necio na materia.
  • Alguén con pouco respecto á autoridade e ós moderadores en chats e foros.
  • Todo aquel con intención de molestar ós demais usuarios.
  • Nos xogos on-line, aquel que arruína partidas de xogos multi-xogador como Quake ou Counter-Strike, por exemplo bloqueando a outros xogadores, matando ós compañeiros de equipo (teamkiller) ou utilizando trucos (cheater).
  • Nas redes P2P, persoa que só descarga ficheiros e non comparte nunca (por exemplo, apagando o programa cando remataron as súas descargas), neste caso tamén se lle acostuma chamar leechers.

En Internet é habitual que se substitúa a palabra lamer por llamah, sen cambiar o seu significado. Tamén é estendido o uso da expresión Luser que vén de loser(perdedor) e user (usuarios).